Pepe Cunha sobre a creación musical galega en 2010 para Cultura Galega

Decembro 30, 2010

Música
Pepe Cunha, responsable do portal Abretedeorellas.com, destaca como unha das novidades deste 2010 na música galega “o regreso do selo Do Fol, que estaba bastante parado, cos discos de Mercedes Peón e A Banda das Crechas. No pop-rock salientaría o traballo de Ernie Records, que publicou os últimos discos de Holywater e Niño y Pistola”. Como tendencia dos últimos doce meses, Cunha detecta “unha especie de moda por facer discos para nenos, como A nena e o grilo de Maxín Blanco. Afiánzase tamén a aposta dos músicos galegos pola autoedición. “Dous dos nosos mellores grupos, como son Berrogüetto e Marful, están a apostar por esta fórmula e pola autoxestión total”. A nivel de concertos internacionais, este crítico salienta o ciclo Xacobeo Importa “saiu moi ben e primouse máis a calidade do que a espectacularidade ou o recoñecemento popular dos grupos”. Continúa tamén, ao igual que nos últimos anos, a proxección exterior da música feita no noso país, con casos como Triángulo de amor bizarro ou os mentados Niño y Pistola. “Véxoos que teñen produtos bos, pero tampouco posúen un selo distintivo galego, poderían ter saído doutro sitio. Onde estamos moi fortes de cara a fóra é nesa liña que está entre as músicas do mundo e o folk, con artistas como Mercedes Peón ou Marful, ou mesmo o proxecto Aló Irmao”. Nos directos galegos, “foi un fito o concerto que deu Lamatumbá o 24 de xullo en Compostela. Foi un dos primeiros anos que se apostou por un grupo galego para as celebracións do Apóstolo e conseguiron encher a praza da Quintana”. Pola banda negativa, Cunha critica o escaso apoio que a Radio e a Televisión públicas lle achegan aos nosos músicos. “Ten dúas canles pero son moi minoritarias e non se aposta por estes produtos”.

AXENDA

Facebook