paulo silva trío “mae”

Xuño 20, 2017

Este brasilego de Salvador da Bahía debuta co seu trío de jazz desde esas batería e percusións coas que o terás visto tocando con infinidade de artistas da Península. Aínda que sabiamos que toca e grava diferentes estilos (funk, soul, blues, reggae, hip-hop, rock, pop, bossa-nova, ritmos afro-brasileiros e doutras partes do mundo…), a súa faceta “propia” enfócase máis ao jazz, onde convive con Alberte Rodríguez no contrabaixo e a guitarra de Valentín Caamaño. “Mae” é o debut “de seu” tras 20 anos adicado á música (a metade morando entre nós) e en continua formación en seminarios e cursos.

Estas 8 pezas divídense equilibradamente entre composicións propias (dúas de Rodríguez, unha de Silva e outra de Caamaño) e versións máis ou menos coñecidas: a fermosa “Body and Soul” (Johnny B.Green), “Funk in Deep Freeze” (Hank Mobley), “Birk Works” (Dizzy Gillespie) e “Isfahan”(Duke Ellington). Os 3 instrumentos compleméntanse con naturalidade, con cadanseus momentos para brillar en solos, como a percusión de “Birk Works”, a guitarra de “6:26” ou o contrabaixo en “Viagem”. Sirvan só como exemplos dun disco onde cada ouvinte irá descubrindo moitos máis momentos.

O resultado global é un disco de jazz asequíbel, que xa atrapa no comezo coa estupenda “6:26” e contén momentos tan relaxados como “Quatro” ou até bailabeis como “Viagem”. Os ouvidos menos afeitos poden procurar neste álbum unha música ben agradábel, por riba de prexuízos ou clichés. Non é un jazz dese moi experimental ou para erudit@s. “Mae” resulta reconfortante como o sorriso de Paulo Silva nos palcos.

Pepe Cunha, 20-xuño-2017

AXENDA