patricio b. “ji jí ja já”

Novembro 15, 2012

Tras o seu álbum “El beso” (2010), desde Madrid chega Patricio Barandiaran con este miniCD que terá continuación cun segundo EP titulado “Tralarí Tralará”. Para introducir a súa proposta poderiamos mencionar dúas frases tiradas dos seus textos: “entre lo raro y lo común están las reglas de este juego” e “yo siempre he sido un vividor, un idealista, un soñador”. Así poderiamos comezar falar de cinco pezas pop que narran diferentes aspectos de relacións de parella, esporádicas ou duradeiras, cun intérprete xogando a ser inclasificable, libre ou, simplemente, persoal. Cunha voz limitada, pero con abonda naturalidade, interpreta un pop de autor romántico e festivo, nin cansautor nin de “graciosillo”. Iso si, gústalle xogar con sentido do humor, coa ironía e un chisco de extravagancia para tan pronto ofrecer unha canción moi narrativa con rapeo incluído como outra bailable e cun retrouso pegadizo como “Fidelidad”, amosarse case tenro en “Una mujer para mí” ou “Nunca entendista nada” e máis pícaro na “Habitación 306”. A produción é limpa, sen demasiados ornamentos, cuns suaves coros femininos da súa irmá e programacións.

Pepe Cunha 15-novembro-2012

AXENDA

Facebook