pasajero “radiografías”

Novembro 29, 2012

Sempre atentos ao que se coce na escea alternativa, o selo galego Ernie (Holywater, Niños Mutantes, Niño y Pistola…) presenta o primeiro longa duración da banda madrileña Pasajero. Supostamente, trátase dun disco de debut, pero tras constatar a calidade do son e a elaboración da súa proposta apreciamos que non estamos ante uns novatos. A sección rítmica formada por Daniel Arias e Josechu Gómez estaban nos Zoo e, un par de anos despois da disolución destes, completan nova banda con Eduardo Martín (Gizmo) e Eduardo R. Paynter (La casa del árbol).

Cun certo ar sombrío, a ducia de cancións móvense entre o pop máis elaborado e un rock potente e sólido. Os textos parten de reflexións en primeira persoa, sobre accidentes emocionais e recordos, e atopan unha atinada vestimenta nas paisaxes nebulosas, hipnóticas, melancólicas ou ritmos acelerados. No resultado final apreciamos influencias e ecos de bandas como Vetusta Morla, Havalina, Nudozurdo, Radiohead ou Piratas. Non enganan, xa que logo, algunhas das colaboracións no disco, como Jorge González (Vetusta Morla) ou os Havalina Javier Couceiro e Manuel Cabezalí, que bota unha sabia man na produción.

Baladas (“Accidentes” ou “Mañana”), medios tempos de adrenalina contida (“El pozo y el péndulo”), achegamentos a unha luminosidade máis pop (“Volverme a preguntar”), rock máis clásico (“La copia de otra copia”) ou rock and roll inmediato (“Borro mi nombre”), fan de “Radiografías” un disco notable, ben salientable dentro dunha escena alternativa española que decote peca de reiterativa. As cartas de Pasajero son unha xusta experimentación instrumental, a solvencia interpretativa e unhas letras equilibradas en personalidade e complexidade. O peche “Autoconversación” é boa mostra. Porén, nestes tempos de consumo rápido e présas, son unha banda que demanda algo de pausa para apreciala. Unha canción gancho axudaría para captar máis público? A mencionada “Borro mi nombre” podería selo, mais non é, nin de lonxe, reflexo completo da banda.

Pepe Cunha, 30-novembro-2012

AXENDA