A primeira impresión podería levarnos a pensar que Pasajero son outra banda “indie” con esas capas pesadas de son inspiradas nos 90. Entre o bon que ten escribir sobre discos está a autoesixencia (que menos!) en escoitar con atención para confirmar ou desmontar as primeiras impresións. Así, de cando en vez xorde un disco que acabas apreciando máis do que esperabas de primeiras. O seu segundo álbum desta banda madrileña de músicos algo curtidos (remito á reseña do seu debut nesta web) gaña coa escoita máis atenta e, ademais de confirmar o acabado sonoro de “Radiografías” (2012), brilla polo traballo na construción sonora e lírica dunhas cancións que amosan moitas máis influencias.
Repiten con Luca Petricca nos Estudios Reno e coa axuda do líder de Havalina e reputado produtor Manuel Cabezalí. Sumándolle a masterización de Ángel Luján, presentan un disco de son realmente poderoso e enérxico desde a peza que abre e titula o disco, toda unha bomba na suma de sintetizadores e guitarras. De aí ao final apréciase traballo abondo no estudio a partir das ideas que leva Daniel Arias -vocalista e letrista- e que acaban cubertas de capas de son, de sintetizadores, base rítmica potente. O resultado son cancións que soan máis espesas (“Hoja en blanco” ou “Detector de latidos”) ou máis directas (“Gente subterránea”, “Intocables”, “Protégelo”), pero sempre enérxicas e contundentes.
No que se refire ás letras, cobra máis protagonismo unha mensaxe social máis próxima ao romántico que ao panfletario, xa sexa animando a manter o ánimo en Protégelo”, sinalando con rabia a quen se cren “Intocables”, falando de “Gente subterránea” neste momento de cambios socias (15M e outros movementos reivindicativos) e pechando nun xeito de coda final repousada e de frases rotundas: “Respira” (“Bocas demasiado grandes para hablar de los demás / oídos demasiado pequeños cuando toca escuchar”). Os demais textos, menos directos, tiran máis do escapismo, de máis suxestión e sensación que de inmediatez.
Evidentemente, a clave de case todo son as cancións, pero un traballo axeitado de produción pode engrandecelas. Este é o caso.
Pepe Cunha, 18-febreiro-2015