Pantis “Memoria nova”

Marzo 13, 2026

Houbo un tempo no que o underground galego tiña relación ou punto de encontro nunha iniciativa chamada “Galician Bizarre”, que publicou tres volumes entre 2010 e 2018. O grovense Rubén Domínguez, o nome tras Pantis, andaba por alí pois pasou por múltiples formacións: Cudevaso, Metralletas Lecheras, Telephones Rouges … e tamén por Chicharrón. Ademais do musical, Rubén tamén a ver coa escena independente galega como deseñador e realizador audiovisual desde Prenom, o estudio que argallou canda a fotógrafa Mar Catarina. En Prenom conxúganse vídeo, fotografía, deseño e música ao servizo de numerosas bandas (Triángulo de Amor Bizarro, Novedades Carminha, Franc3s …), e ao tempo exerce como selo discográfico.

Tras as aprendizaxes en diferentes proxectos e a lóxica experimentación propia, apareceu Pantis en 2016. “Pranto” era un disco notábel cunha conxunción de pop, electrónica, kraut … e unha poesía intimista, catártica por momentos, bela ou dura. En troques, a continuación “Baldíos” (2019) resultou unha obra máis espiñenta, áspera e aveseda, que o propio artista definiu como “de fragmentos, ensaios e erros previos ao álbum do que foron arrincados”. Mesmo as edicións en CD estaban feitas a man. Agora este terceiro álbum transmite a intención de entregar un traballo dos que merecen máis atención sen perder o seu carácter alternativo. No sonoro volve traballar -como en “Pranto”- con Ibán Pérez, no Estudio Terraforma do Hío, Cangas, e a masterización, recurrente en traballos das nosas artistas, correu a cargo de Cem Oral en Jammin Masters, Berlín. Na parte visual, unha edición física de 200 copias en vinilo de 12 polgadas.

O disco comeza forte con “un aire”, deses temas que atrapan e no que, como no resto do disco, o peso da instrumentación e voces cae no noso protagonista. Este apóiase ao longo do álbum en colaboracións contadas, principalmente na batería de Ibán Pérez, que neste caso tamén pon coros canda Mar Catarina e Xiana Arias. En “escape libre” conta coa guitarra de Max Lanchini e Ibán Pérez pon o baixo nun dos temas máis salientábeis: “ás amorias” é unha colaboración con MounQup cun forte compromiso social, pois inclúe o sample dunha declaración de Carme “A Coxa” no documental “O monte é noso” e a frase “Desde o río ata o mar, Palestina vencerá“. Este dos samples é outro aspecto relevante do disco pois axudan a lle dar sentido ao conxunto. Outros exemplos serían aa breve “augas abertas” onde lembra Franco Battiatto coa melodía principal de sintetizador e a frase que se repite; n“a tarde ceiba” coa copla popular “A Raíz Dun Toxo Verde” cantada por Evangelina Carballo e recollida por Alan Lomax; e a voz da súa avoa en 2011 a abrir “unha muda”.

Baixo o título significativo de “memoria nova”, Pantis ofrece un disco que non merece pasar desapercibido, senón todo o contrario. Resulta intenso e rico en momentos máis bailables ou máis intimistas, con ecos dream pop e versos descriptivos sobre o paso do tempo, os recordos, a ansiedade, a espera, as perdas, o amor, a soidade … pasado e presente. Si, tira a escuro ou difícil para moitos ouvidos, pero os cortes máis asequíbeis -“un aire”, “rectas” , “cortes”, “escape libre”… – animan a repetir a escoita e apreciar os demais.

Pepe Cunha, 13-marzo-2026
escóitao no seu bandcamp

repertorio

1.un aire 04:47
2.augas abertas 00:34
3.a melloría 04:49
4.a tarde ceiba 04:19
5.un cuarto escuro sen medir 03:35
6.rectas 04:09
7.escape libre 03:33
8.ás amorias 05:19
9.cortes 04:48
10.unha muda 01:55

AXENDA

Facebook