O que foi o primeiro grupo de pandeireteiros de Galicia volve renovado cun repertorio cheo de ritmo e música de raíz.
nota:
MÁIS DE 20 ANOS DE EXPERIENCIA
Pandeiromus leva a música tradicional ao Auriense este venres
Coa experiencia de case 20 anos participando en foliadas, seráns, festas e festivais, Pandeiromus propón un repertorio exclusivo para baile tradicional galego chamado “Pica na Pedra”. Será ás 21:30 horas no Café Cultural Auriense cando acordeón, voces, pandeiretas e máis instrumentos
tradicionais soen para nos facer bailar e gozar coa nosa música tradicional.
Así, o que foi o primeiro grupo de pandeireteiros de Galicia interpretará muñeiras, xotas, maneos, valses, pasodobles, mazurcas, interpretados con pandeiretas, cunchas, latas, sachos, tambores, bombos, gaitas, ou acordeón co obxectivo de que os pés do espectador piquen na pedra do chan.
Iso é o que nos propón Pandeiromus 3.1 -así se chama a nova proposta- que este venres 5 de abril actúa na Sala Auriense ás 21:30 horas. Con Rafa Iglesias á voz e percusións (pandeireta, caixa, lata, tambor, cunchas, pandeiro, bombo), Afonso González con voz e percusións, Topo Vidal con voz, percusións, gaita, flauta e Cristian Silva con gaita, flautas, acordeón, percusións e coros, o grupo faranos bailar e gozar da nosa música tradicional. As entradas teñen un prezo de 4 euros.
Pandeiromus é un grupo de música tradicional nacido en Santiago no ano 1992. Composto nas súas diferentes etapas por un grupo de 3 a 7 membros, dedicados á investigación e interpretación de música galega de tradición oral, tentando recoller o repertorio masculino existente. Cantan acompañados de instrumentos de percusión da tradición galega (palmas, cunchas, culleres, chaves, latas, tamboril, bombo, platillos, redobrante, entre outros) e tamén por gaitas en diferentes tonalidades, así como acordeón. Durante moitos anos foi un dos poucos, e por momentos único, grupo de pandeireteiros (homes), mentres proliferaban os de pandeireteiras (mulleres).