Pancho Álvarez “Celtis australis”

Outubro 05, 2017

O multi-instrumentista porriñés é deses artistas que necesitan sacar á luz traballos cos que compartir a súa inquedanza creativa á marxe dos proxectos dos que é partícipe: desde hai anos a banda de Carlos Núñez e ao principio en Matto Congrio ou Na Lúa. Se temos en conta que o primeiro álbum de seu, “Florencio, o cego dos Vilares”, data de 1998 e que este que nos ocupa é xa o quinto, queda ben claro que estamos ante unha traxectoria propia e cuns rasgos identificativos. Se cadra reforzados neste álbum de título inspirado por “ubicar Galicia como o sitio dos celtas do sur, en contraposición aos considerados típicos países celtas do norte como Irlanda ou Escocia, e, por outro, o nome botánico da árbore “Lodoeiro” (almez ou lodón ou flor de loto para os romanos).”

“Celtis Australis” resulta un disco luminoso, de corte optimista, con maioría de instrumentais e 6 cancións para cuxos textos segue a contar principalmente con Suso de Toro e suma a Manuel Forcadela e Magín Blanco. Dezasete cortes e unha duración de 2-3 minutos dan para unha escoita fluída, agradábel, e amosar con máis ou menos éxito as caras diferentes dun Álvarez verśatil ás cordas mais tamén ao acordeón, a zanfona, as percusións … e unha voz que xa sabiamos que cumpre. Con máis ou menos axuda de compañeir@s, entrega pezas que nos levan desde Galiza en diferentes épocas (“Medulio”, “Rumbas do Sar”,”Illas do Norte”…), a Portugal (“Aires de Aquí e de acolá”, “A miña viola”,”Aires de Guimaraes”) ou Irlanda (“The Burren”) nun disco que en conxunto sona actual e asequíbel polo seu equilibrio entre o tradicional e o pop.

Nesta vertente pop-folque de autor encontro algúns dos mellores momentos do álbum: “Nas túas mans a miña casa”, “A miña viola” e “Outra mañá”. Sumémoslle instrumentais coma “Pasodoble de San Roque” con Álvarez encargándose de todos os instrumentos ou a colaboración da guitarra de Pablo Novoa en “Baixo o lodoeiro” e xa xustificariamos recomendar a escoita do disco. Un traballo xeneroso na calidade instrumental e as intencións, onde predominan os momentos gozabeis sobre os frouxos e que conta cunha presentación bonita en dixipack con deseño de Luis Umbría.

Pepe Cunha, 6-outubro-2017

“Florencio, o cego dos Vilares”, (Do Fol, 1998)
“Nas cordas”, (Do Fol, 2001)
“Sólidos Galicianos” (Do Fol, 2009)
“Sonche atlántico” (Do Fol, 2012)

AXENDA