Pakolas “Ecoralia, a lambona ecolóxica”

Decembro 18, 2024

O novo traballo de Pakolas é unha colaboración con CRAEGA (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia) e a ilustradora xa habitual nos seus traballos: Laura Romero. Após o debut homónimo, “Ramona Órbita, a dona do tempo” e a “A Ramona pequena vai á Lúa” chega “Ecoralia, a lambona ecolóxica”, con seis cancións, un libro en formato físico a distribuír de balde nas bibliotecas de Galicia e unha unidade didáctica.

Co rock como base musical das cancións, lemos a historia de Ecoralia para que as crianzas coñezan o sistema de produción ecolóxica dun xeito entretido e concienciar da “importancia dunha alimentación saudábel e ecolóxica“. Compleméntase coa historia a temática das cancións: Do sabor e beneficio dos produtos ecolóxicos fálanos “Manxar”. “Pum, plas! Ras pataplas!” canta que “mellor a calidade que a cantidade”. “Mistín” é un lucecú que aprende a se coidar comendo san. “Baile tiruleco de etiqueta eco” proponnos buscar esa referencia. Sabemos o que lle pasa a “Don Arsenio” por lles botar químicos ás maceiras. E “Salvemos a terra e o mar” anímanos a actuar no día a día.

Paco Cerdeira e Laura Romero volven entregar un traballo ben xeitoso para familia e rapazada, con debuxos de guitarra e pinceis.

Pepe Cunha, 18-decembro-2024

accede ao libro en formato PDF, cancións en MP3 e unidade didáctica

Facebook