“Viaxa con Ramona dende os seus pensamentos ata a Lúa, dende as súas inquedanzas ata as súas xenialidades e dende o seu maxín ata onde queiras chegar. Quebra os límites con nós nesta aventura rockeira!”, así se presenta o terceiro traballo en solitario de Pakolas, a continuación de Ramona Órbita , cuxa máquina do tempo nos leva agora á súa infancia. Se nas anteriores dúas entregas de Pakolas tiñamos CD físico acompañando ao libro, agora a edición é de LibroQR; é dicir, un código QR serve para a descarga das novas cancións.
Afortunadamente, o que non se perden son as letras, o humor e a retranca, nin as ilustracións estupendas de Laura Romero, tamén baixista de Zënzar, a banda onde Paco Cerdeira deunos a coñecer os seus guitarrazos. Entón, con el ao mando de toda a produción e gravación, non sorprende que mande o rock guitarreiro, tirando ás veces cara o heavy, ao pop ou mesmo algo de ska, sempre con melodías directas, retrousos, solos e coros.
Nun novo acerto editorial de Pakolas e a colección Sonárbore de Galaxia, familias e crianzas apreciarán novas personaxes como a profe Lupe ou a amiga furona Nora, a reivindicación de valores como a imaxinación, a natureza, o xogo, aceptar como é cadaquén … e ademais tamén é posíbel ler o conto que inspira o traballo ou descargar unidades didácticas. Non deixemos de gardar un oco ao rock and roll nas músicas que compartimos na casa.
Pepe Cunha, 10-maio-2023
repertorio
Profe Lupe
Furakán
Nora a furona bailona
O taller do Maxín
Pícame o cu
Guitarra Psicotrónica
Despistada
Coas mans
Lunática elíptica
Voltar