“Pájaro” e “Ataque Escampe” versus “Chenoa” e “Gisela” na Festa do Marisco do Grove

Outubro 02, 2012

O Twist & Shout Club presenta una alternativa clara á programación musical e festiva contratada polo concello de O Grove para esta Festa do Marisco 2012. Grupos de calidade, música alternativa e mexillonada popular son algún dos ingredientes escollidos para ofrecer outro modo de celebrar a xa instaurada celebración do chamado Paraíso do Marisco.

O grupo sevillano ‘Pájaro’ e os galegos ‘Ataque Escampe’ aportarán a alternativa musical á programación oficial. Mentres a praza pública de O Grove acollerá á Chenoa, Gisela e á Década Prodigiosa, no Twist & Shout intentarán encher un oco e satisfacer a un público desatendido pola comisión encargada de organizar a XLIX Festa do Marisco.

O nome e a guitarrra roqueira do sevillano Andrés Herrera ‘El Pájaro’ sempre soaron á sombra doutros grandes: Silvio, Raimundo Amador, Kiko Veneno, Pepe Begines… Pero Herrera, herdeiro directo das misturanzas imposibles e cautivadoras de Silvio, decidiu dar a cara co seu primeiro disco ‘Santa Leone’. Amais de compor e tocar a guitarra, decidiu tomar a voz cantante en nove dos dez temas do seu álbum. O último, instrumental, interprétao con Raimundo Amador. Non é a primeira vez que visita O Grove, e xa presentou no Twist & Shout o seu disco a comezos de verán, pero desta vez vén coa banda ao completo, e promete dar moita guerra.

A Ataque Escampe gústalle definir o seu estilo como rock de serie B por que partindo dunha instrumentación sinxela pero variada (do banjo ao hammond, do kazoo á percusión electrónica, da trompa á harmónica), ofrecen una proposta musical que trata de ser sólida e autónoma, encadrable
nunha traxectoria antivirtuosa prácticamente inédita en Galicia. O rock de serie B é un modo de entender a música que abrangue un inxente abano de xéneros bastardos, desde o bolero ao punk, pasando polo vals, o tango, a canción popular galega, o country, o fox-trot, o soul e o rap.

‘Pájaro’ inaugurará a programación o venres 5, ás 23.00, cunha entrada anticipada de 8 euros e de 10 en taquilla. Ataque Escampe virá á semana seguinte, o venres 12, a un módico prezo de 5 euros.

Non se esquecen na sala da gastronomía e o mércores 10 ofrecerán camaróns coa consumición e o 11, xoves, unha mexillonada popular.

Para rematar a Festa do Marisco 2012, unha pinchada de Manu Tf (residente da sala) e de Nano Vinilo (actual residente de Kunsthalle, en Compostela).

Ligazóns de interese:
Pájaro : http://www.youtube.com/watch?v=_TDfzbNb7Uc
Ataque Escampe: http://www.youtube.com/watch?v=Z7G9UEH_9G4

Para máis información:
prensa@twistandshoutclub.com
https://www.facebook.com/twistandshoutclub/events

AXENDA

Facebook