Este novo traballo ten os ingredientes para repetir o éxito de “Brinca vai”: os debuxos de David Pintor, unha ducia de cancións frescas de ritmos variados para divertir a rapazada e agradar a@s maiores e unha puñada de videoclips rodados polo Sr. Sagüillo. E coma novidade, os videoclips nunha curtametraxe e o fío condutor dunha emisora de radio. As doce cancións encaixan con frescura nas seccións dun completo programa radiofónico que se detalla coma escaleta nunha das 48 páxinas do libro. Nas demais, as letras, debuxos, un limiar do Xurxo Souto, epílogo de “Ponte … nas ondas”… reivindicando este medio e, de paso, o labor dunha emisora coma CUAC FM, que brindou os seus estudios.
Aquí temos unha primeira parte a modo de revista e as súas axenda cultural, peticións do oínte, viaxes ou tendencias …. e despois seguimos con radio fórmula, faladoiro, novas, deportes e o tempo. E con cadansúa separación en forma de sintonía, cortina ou cuña nas que colabora un feixe de voces amigas. No musical non diga Juan Palomo, diga Paco Nogueiras, pois el compón, arranxa, produce, canta e toca todos os instrumentos. E para darlle o toque final, o estudio Casa de Tolos dun Segundo Grandío que achega as programacións.
Recoñezo que me atrapou desde o principio, por identificarme como amante da radio e polos primeiros versos: “Abre as orellas, palabras a voar saíndo pola antena, aterrando polo chan. O falar non ten cancelas, vai de aquí para acolá. Chega a radio falangueira que te vai facer pensar.” Pero o mellor é que o entusiasmo durou no par de escoitas e a visualización do DVD. Xa que logo, se che gusta que as crianzas escoiten pop, reggae, rock and roll, ska, funk … na lingua do país en letras optimistas, estimulantes, divertidas … e mesmo con mensaxe comprometida ( “Querido mundo, quero contar … Hai tantas cousas que quixera cambiar!”) este é un disco-libro-DVD que non pode fallar.
Editado de novo pola referente Kalandraka.
Pepe Cunha, 21-decembro-2017