Pablo Vidal Group “Orixe”

Outubro 16, 2018

Na portada Pablo Vidal abraza o seu contrabaixo e na contraportada camiña cargando con el, talvez cara ao concerto ou ensaio dun dos múltiples proxectos para os que se require o seu bo facer. Como bo músico de jazz contemporáneo tamén necesita rexistrar ás súas ideas propias e así comezou facelo en 2014 co álbum “Jazz pagano”, nunha formación de trío na que o acompañaban Gabriel Peso ao piano e Noli Torres á batería. Agora, tras o álbum “Nowhere” (“16) en dúo poético-musical coa arpista Clara Pino, regresa ampliando o trío a grupo con Narci Rodríguez na voz, Sarunas Pupelis ao saxo e Ton Risco ao vibráfono.

“Orixe”, adicado a todas as mulleres e inspirado na nai terra, ofrece 8 composicións musicais propias, dúas das cales son cancións, o que sempre axuda atraer os ouvidos menos afeitos á música instrumental: “Eu son” (con letra de Clara Pino) e “Candela”. Desde a apertura coa peza que titula o álbum, atopámonos cun álbum que entra con facilidade; sen dúbida coma resultado da unión duns intérpretes que malia a súa calidade, ou se cadra grazas a ela, son quen de non caer nun virtuosismo esaxerado e enfocarse en rexistrar un disco de jazz moi agradábel, melodioso e elegante. Mais tamén sen grandes sorpresas ou experimentacións, habería que dicirlle a fans máis acérrim@s do jazz.

“Orixe” reflicte a bagaxe de Pablo Vidal e os seus compañeiros en músicas varias, amosando, sempre cunha actitude jazz, o gusto e a curiosidade pola música tradicional (”Luada en Xiabre” ), os ritmos étnicos africanos (“Malaika” é a palabra wwahili para anxo) ou latinos (“Haití”), o blues (“Bluseira”) e mesmo albiscamos ese rock que tira polo experimental (“Sin motivos”). Sumemos unha autoprodución e edición meritorias, con Juan Luis Rúa na fotografía e dous días de gravación nos estudios A Ponte para acabar de recomendar un disco que merece moitos concertos e continuidade.

Pepe Cunha, 16-outubro-2018

AXENDA

Facebook

5 hours ago

Ábrete de orellas
mañá sábado 20 en Redondela, concurso de maquetas de Asociación do Festival Millo VerdeEn colaboración con ArteLixo ... See MoreSee Less
Ver en Facebook