pablo seijas “para brillar”

Xaneiro 30, 2014

Existe de sempre unha sorte de traballos paralelos que adoitan ser vía de escape para letras ou músicas que non encaixan na formación habitual dun compositor. Pablo Seijas, vocalista e compositor principal da banda coruñesa Misterioso Viaje a Holanda, autoedítase este álbum na liña duns Xoel López, David Quinzán ou Iván Ferreiro, por citarmos exemplos do país en canto a escritores e intérpretes de cancións pop.

Trátase de 13 cancións máis persoais ou íntimas, pero non máis sinxelas ou espidas instrumentalmente que as da súa banda. Iso si, aposta máis polo acústico que o eléctrico nun esforzo meritorio e pouco habitual nun disco de debut. Tira do acompañamento dun cuarteto de cordas e un trío de ventos para vestir uns textos máis explícitos que suxestivos. Abondo narrativos, vaia.

“Justo al terminar“ e “Come despacio“ abren o álbum e apuntan moi ben, pero conforme avanza o álbum imos botando en falla un chisco máis de frescura ou variedade. As cancións comezan prometedoras pero en varias delas non consegue acadar ese equilibrio desexábel entre letra e música que axude a conservar a atención. Se cadra, o peso narrativo é forte e estire de máis a música en pezas como “Plan sideral”. Escoitado a doses, o álbum apréciase mellor que do tirón.

Cancións como “Todo parecía andar”, “Yo lo digo así”, “Animal” ou “Mi desván” fan de “Para brillar” un debut de boa factura. Esperemos de entregas vindeiras un chisco máis de concreción, un menos de linealidade ou repetición e talvez un paso adiante na procura de rexistros, porque materia prima semella non faltar: bo gusto musical e aptitude para contar.

Pepe Cunha, 30-xaneiro-2014

Facebook