publicado no suplemento “Sermos” de Nós Diario o 27 de xuño de 2026
Cando unha denominación ou frase se pon de moda, tende a sobreutilizarse e perder ese valor primixenio. Estou a pensar nesa “(vivir a) experiencia” aplicada a propostas como eses festivais abondo uniformes, nos que repiten os mesmos artistas no cartel e eclipsan calquera carácter singular ou diferencial. Porén, resístome a deixar de usar esas expresións manidas cando si fan xustiza, como este disco do contrabaixista e compositor Pablo Sannmamed que si é unha experiencia audiovisual.
Quen coñecemos e gozamos no seu momento de “Ben vennas Maio” (aCentralFolque, 2020) perdemos certo factor sorpresa ante a aparición deste “A estrela mostrada”, pero aproveitamos para reivindicar aquel e, desde xa, este continuador. Son exercicios fascinantes de fusión das cantigas medievais coa música contemporánea e, permítanme engadir, abertos a calquera ouvido cun chisco de curiosidade e atención.
Entre as nove músicas gravadas ao vivo no Auditorio de Galicia en dous días de setembro atopamos desta vez un par de cantigas de Alfonso X: a que titula o disco e a cantiga de escarnio “O pertigueiro”, musicada por Iago Mourinho ao igual que “Cada casa, favas lavam!” de Joao García de Guilhade“ e Amei-vos sempre, amigo” de Joan Airas de Santiago. Chama a atención a apertura “Messatges” con versos en occitano de Beatriz a Condesa de Dia e os versos máis coñecidos de “Ondas do mar de Vigo” de Martín Códax. Ademais dos poemas musicados, Sanmamed tamén asina dous instrumentais que encaixan perfectamente no repertorio: “Por que trovar?” e “Adicado a Q”.
Tanto na parte musical como na edición física en vinilo atopamos os mesmos cómplices que no disco anterior. Así Eutropio Rodríguez volve fotografar Celtia, a poeta Alba Cid escrebe textos inspirados polas músicas e Ricardo Cabanelas Reviravolta Design completa o traballo artístico. No musical, os instrumentos antigos como a viola de gamba de Xurxo Varela e o salterio de Begoña Olavide conviven cos “modernos” piano de Iago Mourinho, batería de “Chus” Pazos e contrabaixo do propio Sanmamed. Completa a pléiade de intérpretes a barcelonesa Elena Tarrats na voz principal, aínda que Xurxo Varela a acompaña en “Cada casa, favas lavam!” e “Amei-vos sempre, amigo”. Begoña Olavide, especializada en música arabigo-andalusí, canta en “A Estrela Mostrada” e “Meu sidi”.
O resultado volve ser tan brillante como no disco anterior, coa diferencia de estar máis aberto liricamente ao resto da Península. O pasado fúndese co presente nun universo sonoro belo, emocionante e coherente, que nin é medieval nin é jazz pero que soa aos dous mundos. Un agasallo para ouvidos e ollos a cargo dun equipo magnífico de artistas liderados por Pablo Sanmamed. Nin o dubiden.
Pepe Cunha, 27-xuño-2026


