“Zugunruhe” en etoloxía refírese ao comportamento ansioso que se dá nos animais migratorios aos que se lles impide migrar, especialmente nas aves. Agora “Zugunruhe, inquietude migratoria” é tamén un traballo artístico que fonde música, deseño, fotografía e literatura. Na parte musical está composto polo contrabaixista Pablo Sanmamed e interpretado polo seu trío de jazz co pianista Iago Mouriño e o batería Bruno Couceiro, mais aos que aquí se une outro músico exquisito como Benxamín Otero nos oboe e corno inglés. En canto á presentación física coidadosamente preparada pola Central Folque, merece unha análise aparte pois a primeira vista, nunca mellor dito, atrapa a atención. De feito, ao atoparmos unha edición tan fermosa como a deste vinilo poderiamos chegar a dubidar se o contido musical nos vai prestar tanto, se se me permite o comentario livián.
Porén, tamén entraba polos ollos o seu anterior álbum en vinilo, “Ben vennas maio”, e tras un par de escoitas converteuse nunha xoia da miña discoteca. Entón, cumpría só deixarme levar polo seu xeito de entender o jazz; ou mellor polos seus xeitos, pois aquí conflúen varios. Obviamente non estamos ante unha proposta de saída tan rechamante como aquela de achegar as linguaxes do jazz ás cantigas de Afonso X pero en “Zurunguhe” abonda a beleza serena das composicións de Sanmamed, que semellan sinxelas ou familiares, que atrapan sen présas nin grandes efectos pero que de seguro conteñen moitos detalles que os ouvidos selectos apreciarán máis que os de quen somos aprendices.
Poderiamos falar de jazz de autor con influencias de músicas contemporáneas, bandas sonoras, ou ritmos de varias partes do mundo, mais sabemos que isto vai menos de cualificar e máis de sentir, de voar, e a iso invitan estas oito composicións propias e as dúas interpretacións: o tema tradicional asturiano “Añada” (todo un achado para min) e unha cantiga máis -a número 78- que nos conecta co seu anterior álbum. En tempos de présas e edicións dixitais aquí temos un oasis de JAZZ presentado nun continente físico exquisito, con álbum fotográfico de Eutropio Rodríguez e textos de Susana Aríns. Unha alfaia para deleite de ollos e ouvidos dificilmente superábel.
Pepe Cunha, 27-setembro-2023
https://www.pablosanmamed.com/pablo-sanmamed-trio
repertorio
Cara A
Zugunruhe
Dezembro 99
Airun
Cameros
Cara B
Alvejar
Añada ( Trad. Astúrias )
78 ( Afonso X )
Ben-vinda á adolescencia
Komorebi