Pablo Milanés & José María Vitier “Canción de Otoño”

Xuño 11, 2015

Ademáis do poema de Rubén Darío que abre e titula este álbum, “Canción de Otoño” é, desde xa, a unión de dous auténticos mitos da música cubana. Pablo Milanés é un imprescindíbel da Nueva Trova Cubana e non necesita máis presentación, pero talvez entre nós si debamos apuntar que o pianista e compositor José María Vitier é autor das bandas sonoras de “Fresa y Chocolate” e “Cosas que dejé en La Habana”, así coma fundador de Síntesis, mítico combo cubano.

A forza vocal de Milanés interpreta cancións compostas por José María Vitier a partir de versos de Rubén Darío, Federico García Lorca “Tengo miedo a perder la maravilla”), San Juan de la Cruz (“Un pastorcico”), Ernesto Cardenal (Al perderte yo a ti”) ou a poeta chilena Gabriela Mistral. Precisamente o seu “Besos” é un dos momentos máis celebrados do álbum. Ademais dos poemas e de textos do propio Vitier ou Silvia Rodríguez Rivero, adapta un anaco de discurso de José Martí: “Se dice cubano”. Por certo, cinco destas cancións xa as cantara Martirio sobre máis instrumentación no disco con Vitier “El Aire Que Te Rodea”.

O xeito de se achegar ao disco pode entenderse nestas verbas de Vitier unindo música e poesía: “Me puse a hacer canciones con textos. La poesía es la primera de las artes” [ ..] “lo que quiere el piano es que uno lo escuche con cariño, que le pase la mano”. Cando a voz e as teclas do piano transmiten tanto, cómpre amosar ese cariño e degustalas. Este é un disco para escoitar poesía; a poesía dos textos e a que transmiten a voz e as mans ao piano. Para isto, non semella necesaria máis instrumentación.

Pepe Cunha, 11-xuño-2015

AXENDA

Facebook