Tiñamos a dúbida de se recibiriamos material novo tras o anterior traballo editado pola banda liderada por Antón Reixa, aquel CD/DVD de 2016 “Fai un Sol de Carallo Suite”, concerto coa Lira Big Band de Ribadavia para celebraren o 30º aniversario de “Galicia caníbal” e o álbum “Fai un Sol de Carallo” (GASA, 1986). Podería ser que como tantas outras bandas, seguisen a dar concertos repasando o repertorio antigo ou que, preferibelmente, se dese a situación que nos ocupa: a dun regreso con temas novos e que non desentoase co seu pasado. E iso é “Organización Nautilus”.
Os Resentidos volven cunha formación anovada, con Antón Reixa á fronte e tamén con Rubén Losada no saxo tenor, Xabier F. Soto nas guitarras e mesmo alguén que xa non está, como Alberto Lorenzo Torrado, é co-autor de “Anti-sistema”. Mais antóllase notábel a participación dos músicos novos para sumaren na construción de cancións máis que solventes, lanzadas cun ton roqueiro a diferentes estilos, con retrousos que funcionan e sen se complicar nas estruturas. A ducia de cortes conserva o espírito enxeñoso, ecléctico e irreverente marca da casa e brinda momentos tan Reixa como “Se a merda fose diñeiro, os pobres non terían cu” de “Warren Buffet” ou “A revolución non, non quita o mal alento, pero si, vaste sentir mellor”.
“Nautilus” podería aparecer en “Están aquí”, “Ausencia fracaso” en “Jei!”, “Cumbia do botafumeiro” en “Fracaso tropical”, “Money for Free” en “Fai un sol de carallo” … e non falta un par de versións-adaptacións como “A xustiza pola man”, todo un hit que conxuga os versos de Rosalía de Castro coa mítica “Fight for Your Right” dos Beastie Boys, e “A revolución non será televisada” de Gil Scott-Heron traída aos nosos días. Oxalá que os regresos estivesen á altura deste dos Resentidos. Nostalxias as xustas.
E ollo coa presentación tan chula do vinilo cos debuxos de Antón Romero, artista de 14 anos con “TEA”!
Pepe Cunha, 25-outubro-2021