foto de Pixelin Photo
nota:
Os 11º Premios Martín Códax da Música abren o seu proceso ao público xeral na segunda fase das votacións. Esta é a gran novidade da edición 2024, presentada na mañá do mércores 14 de febreiro na Sala Sónar de Santiago de Compostela, e coa que Músicas ao Vivo abraza a segunda década de vida dos premios da música galega. Cun sistema de baremación para o reconto final, o público sumará as súas escollas en 2024 ás feitas polas socias e socios de Músicas ao Vivo. Tal como explicaron a súa presidenta, Sheila Patricia, e o vicepresidente, Xavier Castro, o período de inscricións ábrese do 19 de febreiro ao 10 de marzo; despois será un xurado profesional quen decida os tres proxectos finalistas por categoría, antes de pasar á segunda fase de votacións e culminar na gala do 15 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra. No acto de presentación da edición participaron, xunta a Músicas ao Vivo, Jorge Pallarés, director de Márketing e Comunicación das Bodegas Martín Códax, Marcos Guisasola, deputado de Medio Ambiente e Mar na Deputación de Pontevedra, Eva Vilaverde, tenente alcalde do Concello de Pontevedra, e Jacobo Sutil, director da Agadic-Xunta de Galicia.
Quince categorías musicais conforman os Premios Martín Códax da Música: Pop e Indie; Rock e Punk; Blues, Funk e Soul; Metal e Heavy; Canción de Autor/a; Músicas Urbanas; Músicas do Mundo e Mestizaxe; Electrónica; Música Clásica e Contemporánea; Jazz e Músicas Improvisadas; Música Tradicional; Música Folk; Música Infantil; Orquestras, Grupos e Música de Verbena; e Bandas de Música Popular. Ademais, volve a incluirse a categoría de Artista Emerxente, instaurada en 2022 para proxectar e potenciar proxectos de nova creación, e os tres premios Organistrum (nomeados así en referencia ao instrumento presente no Pórtico da Gloria) dirixidos aos “cómplices necesarios do sector” a salas, festivais e proxectos de comunicación e difusión musical.
A novidade en 2024 reside no sistema de votacións e na súa apertura ao público. Unha boa noticia para todas as persoas amantes e seguidoras da música. E tamén para os Premios, como destacaban Sheila Patricia e Xavier Castro na presentación da 11ª edición. “A intención é abrir o proceso ao público xeral e aumentar a participación efectiva no certame, sen perder a lexitimidade que achega o voto das propias compañeiras asociadas”. Deste xeito, haberá que votar a través dun sistema de puntos nun mínimo de cinco categorías e validar a votación para que esta sexa efectiva, cunha soa validación por usuario. No reconto final de votos, cunha regra de baremación, o 50% corresponderá á votación do público e o outro 50% aos votos dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
Jorge Pallarés, das Bodegas Martín Códax, reseñou a madurez dos Premios Martín Códax e valorou moi positivamente a apertura das votacións ao público. “Sen dúbida, os galardóns van gañar en máis visibilidade”, sinalou. Desde a Deputación de Pontevedra, Marcos Guisasola subliñou a aposta da institución provincial polos galardóns e destacou a alta participación da comunidade musical galega nos Martín Códax. Eva Vilaverde, en representación do Concello de Pontevedra, incidiu na súa intervención na relación do sector musical co desenvolvemento económico. “Albergar este premios en Pontevedra é un winwin, estamos encantadas de celebrar en Pontevedra a gala final”, dixo. Jacobo Sutil, director da Agadic-Xunta de Galicia, recordou a andaina dos premios desde o seu nacemento hai unha década cando Músicas ao Vivo presentou o proxecto. “Pareceume tan arriscado como necesario. Hoxe vivimos un momento impresionante de talento musical galego”, sinalou, reforzando a idea do impacto económico que ten a actividade da música no país, e gabando especialmente a categoría de Artista Emerxente “moi en consoancia co traballo que estamos desenvolvendo desde Agadic” e o papel das empresas privadas no financiamento cultural “representado aqui de maneira exemplar por Bodegas Martín Códax”.
Ata 10 de marzo: chamada para os proxectos musicais
Desde Músicas ao Vivo convídase a artistas, grupos, solistas, espectáculos ou proxectos discográficos realizados en Galicia, ou realizados fóra de Galicia por músicas ou músicos de orixe galega, a inscribirse nesta 11ª edición. Unha media de catrocentos proxectos participan anualmente nos premios desde o seu nacemento. O prazo ábrese o vindeiro luns 19 de febreiro e remata o 10 de marzo a través da web premiosmartincodaxdamusica.gal. Será un xurado profesional, con representantes do ámbito da formación musical, da industria musical, da comunicación e da comunidade artística, quen valore as candidaturas nunha primeira fase seleccionando tres finalistas por categoría. O mesmo xurado que se encargará de decidir os tres finalistas dos premios “Organistrum” e da categoría extraordinaria “Artista Emerxente”.
Desde a organización dos Martín Códax subliñan que para inscribir a candidatura nesta categoría extraordinaria establecida en 2022, é preciso facelo tamén nalgunha das quince categorías musicais e cumprir os seguintes requisitos: que o proxecto non leve en activo máis de tres anos, que non editara máis de un disco (EP ou album) e que non fora premiado nin finalista en anteriores edicións dos Premios. En 2022 foi recoñecida con este galardón a cantante Antía Muíño e en 2023, o compositor e pianista Sergio de Miguel.
Antes da entrega dos Premios, no Pazo da Cultura de Pontevedra o 15 de maio, iremos tendo noticia nos vindeiros meses dos 48 proxectos que participarán na festa de finalistas o 24 de abril, do Premio Honorífico 2024 ou dos contidos e sorpresas da gala final na cidade do Lérez. Músicas ao Vivo reseña o papel dos Premios como plataforma para poñer en primeiro plano todo o traballo dun sector creativo e transformador como é o da música, apoiando e potenciando a súa dignificación e profesionalización. “Once anos despois, os principais obxectivos dos premios seguen sendo os fundacionais: recoñecer a creación, a diversidade e a calidade artística das producións musicais galegas, así como revelar novos talentos da escena musical galega e achegar ao público a música e o seu proceso de produción”, sinalan.
Toda a información dos premios en premiosmartincodaxdamusica.gal
Os Premios Martín Códax da Música están organizados por Músicas ao Vivo, coa colaboración e apoio das Bodegas Martín Códax, Concello de Pontevedra, AGADIC-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.
Medio de comunicación colaborador: CRTVG
Calendario dos 11º Premios Martín Códax da Música
Prazo de Inscricións: Do 19 de febreiro ao 10 de marzo de 2024
Votación do Xurado: Do 18 de marzo ao 13 de abril do 2024
Festa de Finalistas: 24 de abril do 2024
Votacións socios/as e público: Do 25 de abril ao 12 de maio do 2024
Gala: 15 de maio do 2024