Os John Deeres “O círculo das formigas”

Xuño 03, 2025

Sexa por como está o panorama, sexa por decisión propia, esta banda da Estrada vai por libre, ao seu ritmo, sen presións nin promocións, de aí que algunha vez chegamos a dubidar se seguían en activo. Mais aquí está o seu mellor traballo, ese que non se sabe cando pode chegar. Faino cando van camiño das dúas décadas de traxectoria, marcadas até aquí en estudio por “8” (2013), “20-20” (Free Code Jazz Records, 2017) e o EP “Cinzas” (2020). Deste último data unha das novidades salientábeis na banda, pois un par de pezas presentaban unha nova vocalista, Vanesa García, que veu para sumar na proposta que desde os comezos manteñen José Carbia á guitarra, Marcos Alexandre ao baixo, Xermán Bernárdez á batería e Manuel Reices ao teclado.

Porén, non só salientaremos a novidade na voz senón que neste disco apréciase un tour de force sonoro, pois ao seu rock duro de aire setenteiro, clásico, engaden un compoñente progresivo, conceptual ou sinfónico que agrupa os oito cortes que conforman o disco. Divididas en cadanseus catro cortes, unha cara representa o “Pulso” e outra a “Inercia”, nun retrato do illamento e a soidade do individuo na sociedade contemporánea reflectido a través dunha viaxe de ida e volta da luz á escuridade, da desesperación á autoaceptación. Non obstante, esta concepción en conxunto non impide que as músicas poidan ser escoitadas por separado e que “Inercia, parte III” sexa un gancho claro.

“O círculo das formigas” é un traballo a lume lento, a conciencia para entregar algo diferenciador, mais sen caer no pretencioso. As guitarras e unha base rítmica sólida son tan protagonistas como asociamos ao estilo no que se moven, pero o papel dos sintetizadores, por exemplo, resulta esencial para escorar o seu son cara outros parámetros. Con todo, fano sen espaventos, sen chamar a atención máis do necesario, pois o conxunto queda ben equilibrado. Os John Deeres están nun gran momento que deberían referendar nos directos, así que esperemos que teñan moitas oportunidades, malia as dificultades para o noso rock.

Pepe Cunha, 3-xuño-2025

AXENDA

Facebook

3 days ago

Ábrete de orellas
Marisa Valle Roso mañá xoves 5 na Sala Mardi Gras Se queres unha entrada dobre, comparte esta publicación e envíanos mensaxe co teu nome.my.weezevent.com/entradas-concierto-marisa-valle-roso-a-coruna@aieartistas #aieenruta ... See MoreSee Less
Ver en Facebook