Os gañadores do XIX Concurso de bandas de Cuac FM actuarán no Noroeste Estrella Galicia

Marzo 28, 2017

nota.

O grupos ou solistas que queiran participar poden inscribir as súas propostas en cuacfm.org/concurso-bandas dende o 27 de marzo ata o 26 de maio de 2017

As tres bandas de A Coruña e de Galicia máis valoradas polo xurado actuarán en agosto no 31º Festival Noroeste e recibirán un premio en metálico

Compartirán cartel con artistas como Kaiser Chiefs, Los Mambo Jambo, Rosalía & Raül Refree, Aviador Dro, New York Ska-Jazz Ensemble ou Rolling Bowling

O Festival Noroeste Estrella Galicia colabora, un ano máis, co Concurso de Bandas e Solistas organizado pola radio comunitaria coruñesa Cuac FM, que chega este 2017 á súa 19ª edición. A iniciativa premiará as tres bandas locais e galegas máis valoradas polo xurado cunha recompensa económica de 600 ou 700 euros e cunha actuación no 31º Festival Noroeste, que se celebrará do 8 ao 13 de agosto na Coruña​.

Todos os grupos ou solistas galegos de calquera estilo musical -agás a música clásica- que teñan menos de dous LPs editados poden participar no concurso de Cuac FM, que recibirá propostas dende o próximo luns, día 27 de marzo, ata o día 26 de maio de 2017, a través do formulario on line cuacfm.org/concurso-bandas. O único requisito é o de enviar dúas cancións propias, ben en MP3 ou en formato físico. Pódense consultar as bases completas aquí e a organización anuncia que resolverá as posibles dúbidas a través do correo-e comunicacion@cuacfm.org ou do teléfono 981 14 00 45.

Unha vez pechado o prazo de recepción de temas, un xurado composto por non menos de cinco profesionais do mundo da música e compoñentes de programas musicais da emisora Cuac FM valorará, entre outros aspectos, a calidade e a capacidade de innovación das distintas propostas, tanto a nivel tanto instrumental como lírico, e emitirá o seu veredicto.

A proposta da Coruña mellor valorada polo xurado obterá o Premio á Mellor Banda Local, que recollerá durante o Festival, e 700 euros. E as dúas bandas ou solistas galegos que obteñan máis puntuación, sexan ou non da Coruña, recibirán unha remuneración de 600 euros e a oportunidade de amosar a súa proposta musical ante o público do Noroeste Estrella Galicia. O obxectivo é “fomentar a cultura musical na nosa contorna, otorgándolle valor engadido á música local”.

Os gañadores da pasada edición do Concurso de Cuac FM foron O Cadelo Lunático, proxecto en solitario de base blues do músico coruñés Javier Prado; Komódo, banda compostelana que fusiona o blues co rock alternativo e o hard rock; e Look Out Brother!, un conxunto coruñés de blues, funk e rock. Tedes fotografías das súas actuacións no 30º Festival Noroeste nesta ligazón.

No concurso, ademais, e como xa é tradicional dende a primeira edición, poden participar bandas de todo o Estado, pero as de fóra de Galicia non entrarán na selección do Noroeste e irán directamente á Batalla de Bandas, que terá lugar o 7 de outubro na Coruña e repartirá outros 1.400 euros en premios.

O FESTIVAL NOROESTE ESTRELLA GALICIA
Como cada ano, a cidade da Coruña transformarase no mes de agosto para acoller unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Unha cita musical única en España, que ofrece un atractivo programa de concertos gratuítos ao aire libre e que cada ano reúne a unha media de 70.000 persoas. Considerado como un dos eventos musicais máis imprescindibles do verán no norte peninsular, está organizado polo Concello da Coruña e conta coa colaboración especial de Estrella Galicia. O Festival Noroeste quere promover unha cultura de proximidade, experiencial, sostible e de vangarda. Contemporánea e vibrante como a nosa cidade. Cun cartel atractivo e ecléctico, en 2017, o festival medrará en artistas e localizacións e continuará a súa aposta pola calidade dos seus directos, prestando especial atención aos artistas e bandas emerxentes, que compartirán escenarios con recoñecidos nomes da escena nacional e internacional como os Kaiser Chiefs, Los Mambo Jambo, Rosalía & Raül Refree, Aviador Dro, New York Ska-Jazz Ensemble ou a singular banda nacida en Beijing Rolling Bowling. Adxuntámosvos, tamén, información sobre estas bandas, por se fora do voso interese.

MOI PRONTO…
Na páxina web www.festivalnoroeste.com e nas redes sociais do Festival Noroeste Estrella Galicia, do Concello da Coruña e da Concellería de Culturas iranse comunicando moi pronto as novas confirmacións do festival.

AXENDA

Facebook