Xuntáronse en Compostela para animaren os bailes no centro social A Gentalha do Pichel e co paso dos anos foron tomándoo máis seriamente. Gravaron o seu primeiro disco “Ao vivo en Lorient” (2014) no festival intercéltico da localidade bretoa e ao longo da súa primeira década foron collendo sona no terreo do folk acústico. Cubrían en certo modo o oco que deixaran Fía na Roca ou Berrogüetto, bandas ás que pertenceran algúns dos membros da banda. Agora, tras completaren un micromecenado exitoso, abren unha nova etapa na que incorporan por primeira vez temas propios.
Nestes catro atopamos a sinatura do último en chegar, o acordeonista Santi Cribeiro, que invita ao baile en “A croa” ou “Ghotas de tabasco en Herbón”. As outras dúas músicas propias, instrumentais de degustación máis repousada, son as tamén salientábeis “Muinheira de Verdelhinho” do violinista Quim Farinha e “Valszurca para Duír” de Xacobe Varela, gaita, bouzouki e voz. As demais pezas son novos exemplos desa reelaboración da música tradicional que brillaba no álbum “Quixera ser dos paxaros” (2017) e que agora talvez presente un toque máis folk. A peza central e que titula o disco conta con letra do guitarrista Gon Goás e refírese á xente que resiste as adversidades, os ataques ao noso.
Ademais dos títulos mencionados, cómpre non pasarmos por alto o traballo nas percusións de Richi Marín e de Roberto Rama na gaita e o saxo, pois complementan unha sonoridade orixinal e de moita calidade, que parte do tradicional cara a un folk en sentido amplo e sen fronteiras. E aquí entendemos mellor as colaboracións: as voces de Eliseo Parra en “Passei pola túa porta” e María João en “Desde o alto” e Xabi Lozano, que, entre outros instrumentos noutras pezas, toca o mohoceño no feche “Dos Vilares”. Se este novo álbum confirma que na escena galega actual Os d’Abaixo xa resultan imprescindíbeis, a edición física de “Somos a pedra” é das que merece ser comprada.
Pepe Cunha, 7-febreiro-22