Ábrete de Orellas naceu como un programa de radio en outono de 1997, na radio universitaria do Campus de Ferrol: Radio Kaos. Eu xa non era estudante, senón que viña de acabar a carreira, pasar un ano no estranxeiro e completar o C.A.P. (Curso de Aptitude Pedagóxica), durante cuxa realización un ex-compañeiro de filoloxía propiciou o meu debut nas ondas. Invitoume a unha edición do seu programa musical en CUAC FM, no Campus da Coruña, para falarmos de The Kinks. Xa en Ferrol, o irmán dun ex-compañeiro de instituto invitoume a entrar en Radio Kaos porque na súa casa tiñan moitas fitas de casete coa miña letra e, xa que logo, pensaba que eu debía compartir música desde a emisora.
Dese debut pasaron 25 anos e dun programa con moita música de procedencia anglosaxoa ou española, Ábrete de Orellas foi mudando até se converter nun dos nomes asociados á divulgación das músicas que se fan na Galiza; e talvez o máis veterano. Ao tempo que sumaba programas, colaborei falando de música en distintos medios de comunicación e collín o tren da Internet con blog, fotolog, portal web, facebook, twitter, podcast, instagram … Mentres compartía propostas de aquí e de fóra, chegaban e marchaban seguidores, así como compañeiras de viaxe, mais a normalización dunha escena ou industria galega non se chegou a concretar. Si que medrou a oferta e a variedade de estilos, como testemuño ano a ano, e cada vez máis xente demanda música na lingua propia.
Pois para celebrar estes 25 anos e por ese público vello e novo decidín recuperar clásicos orelludos que cada semana inclúo na edición radiofónica de Ábrete de Orellas. Trátase simplemente dunha canción que creo que merece ese cualificativo e debe ser reivindicada. Ademais, conto cada semana coa presentación dunha protagonista dese clásico.
Pepe Cunha, director orelludo.
Desde o programa 441 soaron …
Goma 2 “O galo”
Lamatumbá “Licorcafé”
Loretta Martin “As cores do solpor”
Os Cempés “Sara Sariña”
Budiño e Mercedes Peón “Aire do Cruceiro”
Os Diplomáticos de Monte Alto “Non chas quero”
Radio Océano “Terra Cha”
Juan Pardo “Probiña da tola!”
Saraibas “Rebola-Bola”
A Matraca Perversa feat. Ugia Pedreira “A nossa história”
Dios Ke Te Crew “Dios Ke Te Crew”
Berrogüetto “Nadal de Luíntra”
The Homens “Calamar”
Uxía “Alalá das Mariñas”
Marful “Leverelem”