Os Carunchos + Sés

Xullo 09, 2015

nota:

Despois de 20 anos de percorrido, Os Carunchos manteñen o seu selo de identidade: unha música popular, festiva e reivindicativa. No seu directo, presentan unha escolma na que se atopan tanto cancións do último disco Ti qué? (2013), como doutras que formarán parte do seu sexto traballo discográfico. Trátase dun repertorio configurado maiormente por temas propios mesturados con outros tradicionais, nos que toman gran relevancia letras de autores contemporáneos alternativos, sen esquecerse dos versos da nosa tradición oral máis comprometida. Os Carunchos son festeiros e divertidos, fan unha música dirixida ao baile e ás conciencias, á defensa da nosa cultura e da nosa lingua, pero coa alegría e frescura propias da música popular galega. Os Carunchos + Sés 9 XULLO xoves 21:00 h Sés. Tronzar os valos Os valos desaparecen e as rúas deixan de estar prohibidas no novo traballo discográfico de Sés. Rockeira e cantareira, comprometida e libre, sentimental e enérxica. Estamos en tempo de Tronzar os valos, de responder con música, ideas e ilusións ao abatemento. Estamos en tempo de Ses e do terceiro disco dunha das nosas máis singulares e poderosas voces. Doce cancións nas que adentrarse no universo Ses. Porque a Sés de Tronzar os valos é máis Sés que nunca. Isto significa a suma da potencia do rock, o ritmo e a mensaxe da canción latinoamericana, a tradición que leva nas veas e a súa intensa condición de cantora que impregna a maneira directa de se achegar ao público. Regresa Sés aos escenarios coa enerxía do vento e cancións cheas de verdade e forza. Sés herda a actitude valente e honesta dos grandes nomes cos que comparte condición de cantautora e decide alentar coa súa música a enerxía da forza colectiva que pula por un tempo novo. Cancións para revoltarse e disentir contra o estado de cousas dun sistema que amarra e inmobiliza. Despois do éxito de Admirando a condición e Co xenio destrozado, o terceiro disco de Sés, confirma unha forma de cantar singular, a flexibilidade de contorsionista dunha voz que se adapta a múltiples rexistros: suave como poucas nas baladas e desgarradora cando se impón a súa vea blues e rock.

AXENDA

21:00 h.
Xardíns da Diputación, Lugo.
De balde.