Con 20 anos de traxectoria, Os Carunchos presentan o seu sexto disco. Nada menos que 17 pezas de música tradicional e popular coa “necesidade primaria de facer e compartir música galega para o baile e a festa, así como ofrecer a nosa pequena achega ao repertorio gaiteiro.” Se no álbum “Ti que?” trataban temas de denuncia social de actualidade, “Cantares” chama a atención de primeiras por musicaren vari@s poetas e escritores: Rosalía (“Castellanos de Castilla”), Manuel María (“E vai polo río”), Celso Emilio Ferreiro (“Cantares”), Darío Xohán Cabana (“Alalá da lingua”), Castelao (“Valse de ida e volta”), Manolo Pipas (“Trenzas”) e Carlos Fontes.
Ademais deste traballo loábel, non poden faltar letras populares (“Aghárrate a min” e “A marrúa”), propias (“Prometéchesme unha tunda”, “Xota atornillada”, “Fun á Ramallosa” e “Catalina”) e 4 instrumentais asinados polos principais compositores das músicas: “Na cova de Outeiro” e “No estrepeiro da carapucha” por Alberto Costas e “Grazas por vir” e “Polca do camiño” por Luís E. Correa. Canda estes, os outros Carunchos Juan A. Álvarez, Pablo Rial e Isaac Teniente (responsábel do deseño gráfico) repártense toda a instrumentación nun disco ben gravado, sen artificio parente, directo e acorde co que transmite a súa música, aturuxos incluídos.
Os Carunchos son a música popular de gaita, percusión e voz; a da festa, a que non morre grazas ao labor de músicos coma eles. “Ai, gaiteriños da terra, esa forsa do Morraso!”
Pepe Cunha, 04-xaneiro-2017