Os amigos dos músicos

Decembro 22, 2016

Por fin este proxecto conta cun disco de seu. Durante varios anos puidemos velos esporadicamente ao vivo e participando en discos tributos ou temáticos, en formacións que ían variando, pero sempre coa cidade de Ourense e o Café & Pop Torgal coma punto de referencia. Os seus integrantes pasaron por outras bandas que xa son historia (Niño y pistola, O Neno Elliott …) ou seguen en activo (O Sonoro Maxín) e de todas elas conservan rasgos que conflúen aquí porque todos cantan, tocan e achegan composicións e versións ás que lle dar o seu selo. Nisto parécense a un referente claro: The Band e, por extensión, o pop-rock estadounidense de raíz. E o outro pé téñeno no cancioneiro galego, que tamén é folque, claro.

Non houbo présas por sacar un disco, son moitas mentes a consensuar, debían ter claro o que querían editar e o que non debía entrar. Así quedaron fóra por exemplo “Alalá ao sol” (asinada por Xurxo Souto) e “De funeral” do Daniel Alonso, ambas dispoñíbeis nuns singles dixitais de adianto que presentaron as cancións máis luminosas ou pop: “Son o último” e, sobre todo, “Fóra do meu control”. Canda estas, a adaptación de “A banda ” (Manuel María/Suso Vaamonde) que acertadamente abre o álbum e ese chisco ás coplas máis populares da breve “A cociña do Celeiro”.

A partir de aquí, prepárense e deanlle tempo a uns medios tempos intensos, sentidos, que duran o que teñen que durar, como ese Neil Young que se deixa levar cando a situación o require: “O dourado”, “As pantasmas”, “Sonhos”, “Todo medre” (todo un himno que vai América abaixo) e “Outono”. E precisamente como esta canción que pecha o disco poderiamos catalogar un álbum que precisamente foi gravado en dous outonos nos Estudios A Ponte con Tomás Ageitos. Outonal no senso de beleza desta época, situada entre os días longos e luminosos do verán e ese inverno dun maior recollemento e repouso. E para non rachar, até a versión magnífica de “O Maio” é fermosamente outonal.

Intensidade eléctrica ou acústica, arranxos traballados e melodías claras, voces varias e todo cohesionado nunha personalidade colectiva. Iso son Os amigos dos músicos. E se había unha discográfica que apostase por un disco deste corte ben podía ser a independente madrileña Gran Derby Records. Coa súa complicidade e como melómanos que son, edición tamén dispoñíbel en vinilo (co CD incluído) para maior brillo dun deseño ben acaído a cargo de María Grande.

Pepe Cunha, 22-decembro-2016

AXENDA