Os Amigos dos Músicos “Segundo fogar”

Xullo 10, 2019

Se o seu debut se fixera esperar e pagara a pena, o álbum novo vén reafirmar e pulir unha proposta que xa se fai cun lugar de seu. Seguen ben firmes nos seus alicerces principais: a inspiración na tradición popular do país e na das Américas -tanto do Norte como latina-, e traballando coa variedade das seis voces e composicións de catro dos seus propietarios. E agora nestas dez novas cancións sácanlle máis brillo; ou se cadra peso, pois neste traballo continuísta conseguen ser máis concisos nos arranxos e lixeiros na instrumentación. Porén, iso non significa que o disco careza de novidades sonoras, senón que aparecen con discreción e sempre para que o resultado funcione, que é o que acaba por validar as intencións. E o futuro segue a pintar ben porque transmiten a idea clara de que cadaquén achega o seu esquelete de canción para despois traballala e, como aquí, autoproducila.

A música de OADM arrecende a lume lento para non perder consistencia e así ser quen de ofreceren un pop-folque atemporal desde un extremo máis pop até outro máis progresivo ou experimental, falando de amor ou de posicionamento vital e social e sempre cunha carga poética nada pretenciosa. Agora non dobran tanto os instrumentos e introducen, ademais de guitarras a eito, ukelele, percusións, piano, sintes, omnichord, baixo … e podemos salientar o saxo e o órgano en “Os atlantes”, a mandolina de Fernando Barroso en “Regaleiche”, o adufe e voz de Xabier Díaz en “Cabalo gañador”, dúas colaboracións de luxo e tamén colocadas con discreción. As influencias latinoamericanas son obvias en “É doado” e “Amor frugal”, por exemplo, e repiten con éxito na recuperación dun poema, neste caso levando o “Bicarelo” de Novoneyra aos mundos de Neil Young. E xa que falamos de influencias, xuntemos no imaxinario os nosos Bibiano, Batallán ou Suso Vaamonde cuns Byrds, Simon e Garfunkel, The War on Drugs ou Fleet Foxes.

E deixo para o final, sen por iso desmerecer o ton sobresaínte e variado do disco, algúns dos meus momentos favoritos e significativos: o toque máis experimental de “Os atlantes”, facer chiscos á tradición como “afogado na súa saia. E o lagarto estaba a durmir” en “Cabalo gañador”, atinar tanto na sucinta “Amor frugal” de minuto e medio como estendendo “Pavillón dos Remedios” até os sete e medio e entre ambos estremos redondear un sinxelo tan pop como “As crónicas”. Ademais a amiga deseñadora María Grande acompaña cun labor bonito e, aparentemente, sinxelo. Como dicir tanto con tan pouco en “É doado” e protestar tan ben en “Non pensar”, desde xa unha debilidade. Este disco é un “Segundo fogar” ao que acudir para nos congratular con músicos que saben sumarse á tradición das fontes nas que beben.

Pepe Cunha, 11-xullo-2019

AXENDA