Os amigos dos músicos + Grampoder + Quant na Sala Super 8, 28-febreiro-2015

Marzo 01, 2015

A sala ferrolá Super 8 teima en ofrecer música ao vivo semana tras semana, desde as anodinas bandas de versións até delicatessen internacionais. Entre os estremos, un abano amplo para talentos agochados, promesas ou vellas glorias que populan o circuito de salas. Desta vez acolleu unha velada con 3 nomes do país resultaba un cartel interesante para ouvidos pop-roqueiros que foxen do gusto predominante. Vista a resposta menos numerosa do esperable, non debían ser moitos ou preferiron viaxar a outros lares (léanse festival A Candeloria en Lugo ou a Festa do Queixo de Arzúa). A presenza de músicos vencellados dun modo ou outro á cidade favoreceu un evento familiar e acolledor.

Ante varias ducias de persoas e co retraso de turno, abriu a velada Óscar Quant acompañado de Quincho na guitarra eléctrica e tamén no teclado. As súas composicións neste momento distan xa moito do pop máis luminoso dos seus comezos e cheiran máis a Mark Oliver Everett (Eels) por unha concepción máis ampla do pop no musical como polo ton das letras. Destas, (aínda) en inglés, agroma un ar irónico-atormantado-crítico diferente dalgunha peza xa editada e recuperada para esta noite, como “Magic Tricks”. Agora toca esperar a degustalas nun álbum que dea continuidade ao lonxano “Handmade, Homemade” (Quequeres Edicións/Rock Indiana “11).

Tras a fin de The Homens, Roi e Martiño fixeron da necesidade virtude e pasean como Grampoder un formato reducido para defender cancións de textos con miolo e melodías que funcionan desde xa. O seu disco xa ten ano e medio de vida e os moitos concertos que poden dar con este formato asegura unha actuación ben acaída para distintos contextos. Menos es abondo cando se é quen de autodenominarse “rock acústico, folk campestre, folk rock, hardcore comeflores, punk psicodélico acústico, rock portátil” e non faltar á verdade. Aí están “Helsinki”, “Champagne” ou “Capitalismo” para demostralo.

Completando o cartel a banda galega da que se fala cada vez máis e mellor desde hai dous ou tres anos nas conversas máis “implicadas”. Tras pingar gravacións en discos colectivos (“Doutor Apertas. Tributo a Magín Blanco” e a versión de “Miña Irmá fermosa” nun proxecto de recreación de cantigas medievais de Martín Códax) veñen de fichar por un selo tan interesante como Gran Derby Records (Tórtel, Alondra Bentley, Tulsa …). Nestes concertos podemos facernos coa edición limitada do single de adianto que soa estupendamente. Comezaren a actuación con “Aí vén o maio” non pode ser casualidade senón un xeito de amosar carácter e posicionamento. O seu é un rock de raíz americana e folk galego que engancha con esa clásico de Luis Emilio Batallán (para moit@s o mellor disco galego de pop). Todos cantan, todos participan da composición e todos suman para que a súa proposta teña pouso, seriedade e agarimo. Un traballo que por minucioso lembra, por exemplo, a Niño y pistola. De feito entre Os amigos hai algún membro desa banda que vén de anunciar a súa disolución. Se soan así en cuarteto (o batería está lesionado e isto reduce o formato), só podemos ter ganas de velos máis tempo nas táboas e gozar dese álbum que, tampouco por casualidade, gravaron nesa forma de “ao vivo no estudio”. Conseguir que só a base de tocar @s pesad@s de turno terminan por calar e prestar atención dío todo. Non os perdan.

Para rematar dun xeito infalible. todos os músicos nas táboas para versionar o “Singing a Song in the Morning” de Kevin Ayers, todo un clásico nos concertos de Grampoder.

Pepe Cunha, 1-marzo-2015

Facebook