Boyanka Kostova apareceron para darlle ao trap galego o punto de retranca e humor i Esteban y Manuel levaron aos festivais ritmos latinos como a cumbia ou merengue bañados en autotune. En ambos os proxectos atopamos O Chicho do Funk, que agora en solitario afonda en crear desde a electrónica sobre bases latinas. Se con E&M tiraban de décadas máis antigas, agora queda coas tendencias máis recentes. O Chicho semella sentirse a gusto nesa terra de ninguén na que é demasiado electrónico para os circuítos de música latina e non agrada á modernidade que demanda certa sofisticación ou intelectualidade. Se queremos adoptar unha actitude seria e analítica, no musical e no lírico, talvez sexa o disco menos acaído.
O formato de “one-man show” xa lle permitiu tocar en festivais abondos mentres argallaba esta gravación de debut. Afianzouse como a nota discordante no circuito “indie”, no que xa E&M chamaban a atención para ben e para mal, provocando emocións encontradas: ou tiñan a súa coña e prestaban para soltarse a bailar ou eran unha broma de mal gusto e calidade escasa. Xa que logo, entendamos que isto non vai de superioridade nos gustos ou xuízos senón de recoller desde a electrónica o espírito da feira, do campo da festa, das orquestras no verán cando nos cita a patroa ou o patrón. A portada non engana e amosa unha actitude de corta e cola.
Situadas as orellas no espírito verbeneiro e de mercadillo, co son MIDI e o autotune dominando, con influencias desde Joe Crepúsculo a Elvis Crespo, escoitamos estas dez cancións que contan coa axuda na produción doutro desprexuizado como Hevi (Malandrómeda, Fluzo). Abre a ritmo de cumbia con “Pistolera” e segue o ghit merengado “Acostumbrao”, con letra e dúo de Nuno Pico de O, Ayatollah!; en “Bolero digital” “dices que no quieres verme más pero me miras las historias”; “ChantadaNFestas” é un merengue cun retrouso que invita ao perreo: “culo arriba, culo abajo: súbeme un poco el volumen del bajo”; “O solar” ten aire dramático de telenovela (“¿Qué te ocurre? ¿Qué te pasa? ¿Qué no hice? ¿Qué te falta?”) e remexe con autone salsa, cumbia ou bachata … e asi até mesmo musicar a Pedro La Droga ou versionar a Cuchillo de Fuego en “Las motos de agua”. Xa ves que vale todo. Agora a ver se che vale a ti.
Pepe Cunha, 22-outubro-2019