Orquestra Sondeseu con Rosa Cedrón e Treixadura

Decembro 02, 2016

nota.

2, 3, 4 decembro, Pazo da Cultura de Pontevedra

Quince mil persoas pasaron por Culturgal en Pontevedra nas últimas edicións. Tras recibir máis de dúascentas propostas, o programa final recolle o dinamismo do sector cultural en Galicia, concentrado en diferentes actividades, eventos e presentacións, que percorren non só as diferentes manifestacións artísticas senón novos xeitos de traballar no campo cultural. Música, cine, libros, teatro, arte contemporánea, infantil, lingua, tecnoloxía…todo iso nun Culturgal cuxo lema é “Cultura, Comunidade, Futuro”. Se gozas da cultura, tes que vir. Se traballas na cultura, tes que estar.

Culturgal 2016 é #Música
E xa arranca a BSO desta edición o venres 2 co espectáculo inaugural de SondeSeu Orquestra Folk, que vén da man de Nalgures e con Rosa Cedrón e Orfeón de Treixadura como convidados. Antes, showcases na Carpa, cun programa que inclúe a presentación do disco do grupo ourensán Os Amigos dos Músicos con Gran Derby Records e a Gelria

Máis música durante os 3 días? Desde o Coro Cantigas e frores de Lugo ou o Orfeón do Berbés de Vigo até Silvia Penide, Xoán Curiel, SONIA LEBEDYNSKI, Paloma Suanzes, Fran Amil e A Tribo Incomprensibel, Sindicato da noite, Berlai Eladio y los seres queridos Ezetaerre
Língua Nativa ou Zurrumalla.

Ademais sinaturas de discos, incluíndo a de SES e Guadi Galego o domingo, a presentación de GZmúsica o sábado, as alternativas sostibles de Trespés Redondela para os festivais, tamén sábado, a sesión sobre a seguridade en espectáculos ao vivo con Agem Asociación Empresas Musicais e Maruxa Eventos o venres ou a proxección de Torre de Breoghan de Jorge Coira e Abano Producións ao redor de Luar na Lubre e o seu proxecto coa Sinfónica de Galicia.
Xa sabedes ademais que o espectáculo central do sábado 3 é Budiño con Paralaia 20 e Mercedes Peón de convidada e que a matinal do domingo 4 virá da man de María Fumaça Sonárbore Para os Especiais Culturgal, billetes en Entradas Ataquilla.com
Ah e nos “sopran” que Obradoiro de Gaitas Seivane, por primeira vez na Feira :), vai presentar unha gaita moi moi especial…

Culturgal 2016 é #Audiovisual

Culturgal 2016 é audiovisual. Coordinada pola Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) a programación audiovisual da Feira inclúe videocreación, proxeccións de documentais, ficcións e coloquios. O venres 2 a programación arranca cunha reunión de socios de AGAPI baixo o título de “A que modelo de televisión pública aspiramos?” con Mabel Klimt. Na tarde do venres videocreación no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Pontevedra con “Naufragio”, coa presenza da directora Lucía Estévez e o compositor Davide González, e “Fulgor”, de Iria Silvosa.

O sábado 3 presentarase e proxectarase “Camilo, o último guerrillero” coa asistencia de Alba Sánchez, produción, Juan Pirola, dirección de fotografía, Miguel García, guión e Pedro Iglesias, deseño web e gráfico. Na tarde, ficción inspirada en feitos históricos e na explotación de wólfram en Galicia, proxéctase “Lobos Sucios” de Agallas Films. Participan no coloquio Simón Casal, director, Sergio Moure, compositor, e Paula Cons,produtora executiva e guionista

O poeta Manuel María protagoniza a mañá do domingo 4 coa proxección de ‘Manuel María, eu son fala e terra desta miña terra’, da directora Margarita Ledo Andión, coa asistencia de Xosé Luís Ledo, produtor e Carme Vidal, xornalista. Na tarde do domingo 4 proxección e coloquio cun dos documentais do ano: “Os días afogados”, coa asistencia de César Souto e Luís Avilés, directores, e Iván Patiño, produtor. Ese mesmo domingo ás 12h preséntase o poemario “Auga” de Dores Tembrás coa edición de Apiario e coa participación no acto dos responsables de “Os días afogados”.

Na última xornada de Culturgal proxectarase ademais o documental de Jorge Coira producido por Abano “Torre de Breoghán”. O documental recolle o último proxecto de Luar na Lubre coa Orquestra Sinfónica de Galicia. Asisten o coloquio o director e a produtora Chelo Loureiro. Na tarde do domingo, pero desta vez no Espazo Foro, Ignacio Vilar presentaranos o seu último proxecto cinematográfico: Sicixia.

A forza do libro no Pazo da Cultura
Situado na zona central do recinto atoparemos o Espazo Libro, escenario dos encontros entre autoras/es cos diferentes públicos, leituras, presentación de novidades, sinaturas, etc. En 2016 o sector editorial galego volve a estar na Feira con grande protagonismo. E que escritoras e escritores atoparemos na nosa visita a Culturgal? Inma López Silva, Xosé Monteagudo, Iago López, Ismael Ramos, Tamara Andrés, María Lado, Eli Ríos, Teresa Moure, Carlos Taibo, María do Cebreiro, Marilar Aleixandre, Claudio Rodríguez Fer, Manuel Gago, Ramón Nicolás, Luis Rei Núñez, Antonio Manuel Fraga, Carlos Quiroga, etc
Tamén pasarán pola Feira os premios literarios do último ano como Manuel Esteban (Xerais), Iria Misa (Jules Verne), David Pérez Iglesias (Merlín), Blanca Riestra (Novela breve La Voz de Galicia), Miguel Sande (García Barros), Daniel Asorey (Repsol) ou Ledicia Costas (Lazarilllo).

“Pegadas na terra”, dezaoito artistas camiñan na Feira

En 2016 a arte contemporánea volve ser central en Culturgal 2016. “Pegadas na terra” é unha mostra colectiva comisariada por Paula Cabaleiro e Antón Sobral na que dezaoito artistas se achegan á natureza. Promovida pola Deputación de Pontevedra, nela participan María Álvarez, Alberto Bidarra, Carla Andrade, Xoán Cerviño, Roi Domínguez, Maribel Longueira, Bibi Martín, Xurxo Oro Claro, Alberto Pena, Lemuel Quiroga, Reme Remedios, Neves Seara, Jorge G. Valenciano, Edu Valiña, Christian Villamide, Román Corbato, Miguel Benjumea e Fran Herbello.

A presente mostra “Pegadas na Terra” amósanos diferentes maneiras de achegarse á natureza, diferentes olladas contemporáneas sobre a paisaxe e o territorio, sobre a contorna, o tempo e a distancia, a través de pezas de escultura, instalación, fotografía, vídeo, pintura e debuxo. O orgánico, o caduco, a temporalidade dos elementos, a distancia, a textura, a cor. As obras expiran feitos. Unha sorte de reflexións que nos achegan á experiencia, a esa experiencia primixenia do/a artista dende o sentir, vivir, escoitar e percorrer a terra, pisando, recollendo, colleitando, fotografando…

Nenas, nenos…festa na Feira
En Culturgal Feira das Industrias Culturais nenas e nenos son grandes protagonistas. En 2016 o lema da Feira é “Cultura, comunidade, futuro” e o programa reserva grandes sorpresas para os novos públicos. Moita música, teatro, danza, libros e ciencia. Ademais ao longo dos tres días un espazo permanente para xogos e xoguetes tradicionais e unha bebeteca. O espectáculo especial desta edición 2016 será a terceira entrega de María Fumaça (Galaxia), que levará na maña do domingo a Culturgal o tren que xa é símbolo deste proxecto. A bordo, unha chea de músicos e personaxes capitaneados por Uxía e ao redor de Rui, verdadeiro inspirador e motor do proxecto.

A entrada a Culturgal para menores de 12 anos ten un prezo de 1 euro, a cambio recibirás unha pulseira que che permite o acceso por un día. Se queres acceder á Feira máis dun día, a pulseira “total” ten un prezo de 2 euros. Menores de 3 anos teñen entrada libre.

Consulta todo o programa en:

AXENDA

21:00 h.
Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra.