nota:
A Cidade da Cultura celebra o Día da Música aunando nun mesmo concerto música tradicional e contemporánea. Será coa Orquestra de Jazz de Galicia (Premio Martín Códax da Música 2016 ao Mellor Proxecto Galego de Jazz e Músicas Improvisadas), que interpretará no Museo Centro Gaiás os temas do seu primeiro traballo discográfico: Fame.
Formada por algúns dos máis importantes músicos da escena galega actual no eido do jazz, a música sinfónica e a música tradicional, a Orquestra de Jazz de Galicia traerá ao Gaiás temas populares galegos que chegaron a nós pola tradición oral e que dialogarán sobre o escenario coa música improvisada contemporánea. Entre as xoias das que o público poderá gozar esta noitiña no Gaiás, O toque de chifre de Faramontaos, rexistrada en 1952 polo musicólogo estadounidense Alan Lomax nunha aldea de Ourense, e que será interpretada de novo en Galicia máis de medio século despois de que Miles Davis e Gil Evans a convertirsen na mundiamente coñecida The Pan Piper.
Música que transita entre a sofisticación do arranxo, a tímbrica orquestral e a beleza núa e desprovista de artificio de melodías tradicionais galegas para celebrar o Día da Música coa Orquestra de Jazz de Galicia.