Orquestra Bravú Xangai “Os saxofóns de Occidente”

Agosto 16, 2024

Aínda que levaba tempo coa maquinaria en marcha, non editara un álbum este proxecto que toma o nome popular do tren que unía Galiza con Barcelona. Semellaba que con varios anos de concertos, a cousa ía quedar niso, nunha experiencia ao vivo, pero afortunadamente completaron unha gravación que fai xustiza a eses directos. Se a banda é xenerosa en instrumentistas e procedencia (Papaqueixos, Jarbanzo Neghro, Magnifique Bande dos Homes Sen Medo, Os Diplomáticos de Monte Alto …) o disco non fica atrás: dezaoito cortes e unha grande variedade estilística. Todo un traballo coral cunha cabeza visíbel que non eclipsa malia o seu carisma incuestionábel, a de Xurxo Souto. Quen mellor ca el para sumar e coordinar a forza desta super banda!

O nome non engana. Trátase dunha orquestra, con máis dunha ducia de membros e unha poderosa sección de metais. Asóciase ao bravú no seu ímpeto, compromiso, reivindicación. E colle o nome dun medio de transporte para nos levar de viaxes sonoras. Do fungueirazo punk de “Matadorio” ao funk-soul-jazz en “Ua!”, pasando pola rumba catalana (“Dous quereres”), a cumbia (“Grelocúmbia”), o bolero a maior gloria de Pucho Boeado (“Orçam”), o ateniense rebético de Για σένα μαυρομάτα, un himno ska que esnaquiza rivalidades parvas: “Vigocoruñenta” … ou o canto de taberna (ese “Alalá ao sol” que coñecimos polos Amigos dos Músicos). E xa que falamos doutras bandas, reinventan en clave tropical a “Irmãos” de Fuxan os Ventos, aceleran “O gato” que popularizara A Roda, revitalizan “Mesejo” e versos de “Tomás das Quingostas” dos Diplomáticos …

“Os saxofóns de Occidente” é un traballo que non se restrinxe a época ningunha, moderno e con poso de tradición, con arranxos da propia Orquestra, produción acaida de Tomás Ageitos, ilustración de Lidia Cao no formato físico e o deseño de Bruno L. Teixeiro (vinilo ou CD económico). A ver quen dá máis e con máis ganas ! Bailes e coros varios, un feixe de versos dos que quedan na memoria (“En Monfero eu me quedo para papar no teu grelo …” á cabeza) e desde xa cun lugar con sabor a noso canda formacións mundiais como The Skatalites, Fanfare Ciocârlia, No Smoking Orchestra …

Pepe Cunha, 16-agosto-2024

Escóitao e mércao no seu bandcamp

 

Facebook