One

Abril 20, 2012

O mellor do reggae galego dáse cita no Xancarajazz

A banda coruñesa ONE presentará o seu novo disco “Straw Revolution”, na sala viguesa este venres, 20 de abril, a partir da media noite. O concerto rematará cunha jam session na que participarán músicos dalgunha das bandas máis importantes do reggae en Galicia, como Zamaramandi ou Meninos Carentes.

ONE é o último proxecto do vocalista e produtor Sauko B, que dende o 2007, sumouse a outros músicos para formar este grupo. Artistas galegos, uruguaios, chilenos e alemáns, que residen a medio camiño entre A Coruña e Santiago de Compostela. Vellos coñecidos do reggae galego que pertenceron a bandas xa históricas como Pinnacle, Bush Doctors, Dandy Fever. Comezaron cunha base electrónica que pouco a pouco foi camiñando cara estilos máis roots, sen perder de vista o contexto e a orixe xeográfica e cultural na que residen.

Levan xirando por toda Galicia nos últimos meses, e esta semana chegan a Vigo coa colaboración da Asociación Minho Reggae para presentar o seu novo traballo. Un ep composto por cinco temas que publicaron en febreiro deste ano baixo o título de “Straw Revolution”. Reggae roots traslada á raíz destes estilos pero cunha personalidade propia moi definida, a que levan presentando estes coruñeses desde 2007.

Un disco autoproducido que foi gravado nos Camp Bridge Studio coa axuda de Enrique Blanco, quen se encargou tamén da mestura, xunto a Óscar Gorriz, coñecido como Sauko B e líder da banda, que foi quen compuxo todos os temas de “Straw Revolution”.

Na actualidade son unha das referencias do reggae galego, que conseguiron facerse un oco no panorama nacional “creando música para a unidade, desde a consciencia e a procura interior”. Na primavera do 2010, os ONE, gañaron o VI Concurso Galego de Reggae, que organiza o Foundation Reggae Festival, ademais de participar na final española do European Reggae Contest, que promove o Rototom Sunsplash, o que lles permitiu que a súa música se escoitase fóra das nosas fronteiras e compartir escenario con grandes do reggae nacional como Gregtown, Upstemians, Bandits, ou Aswad, Everton Blender, Fidel Nadal, Benjammin, no eido internacional.

Este venres teremos a oportunidade de velos en directo no Xancarajazz (R/ Isabel II, 6) xunto a outros músicos da escena reggae galega pertencentes a bandas como Zamaramandi ou Meninos Carentes que subirán ao escenario para interpretar clásicos do reggae e do roots, nun fin de festa que permitirá ver xuntos algúns dos músicos que máis están despuntando no reggae autonómico. A música comezará a soar a partir da media noite. O custe da entrada será de 5 euros. Os socios da Asociación Miño Reggae poderán beneficiarse dunha tarifa reducida de 4 euros.

AXENDA

Facebook