olivenza

Decembro 03, 2012

Que o dúo formado pola vocalista Cira Fernández (Badaxoz) e o multiinstrumentista, produtor e arranxista Raúl Marques (Porto) tome o seu nome dunha cidade fronteriza entre España e Portugal deixa de resultar anecdótico en canto escoitamos a súa musica. As súas composicións móvense con clara vocación ecléctica nas confluencias de culturas e estilos. As letras de Cira son personais, directas, en varias ocasións espidas, sen pelos na lingua, resultando doces ou descarnadas.

Con máis sonoridade acústica que eléctrica (aínda que as excepcións como o solo de guitarra “Fábula campera” estean logradísimos) e arrecendo a canción de autor, mesturan ritmos tradicionais de diferentes latitudes; principalmente latinos, por proximidade, pero sen renunciar tampouco ao folk do sur e leste europeos. O seu debut soa cálido e coidado á par que moi madurado. Non é casualidade que fose masterizado en Golden Mastering, onde traballaron os Calexico, clara referencia para os nosos protagonistas, como sen ir máis lonxe amosa o son da trompeta en “Prisión de Miraflores”, “Antarctica” ou “Toute ma vie”, única peza en franceś do disco.

Contan co apoio dun próximo Jairo Zavala (Depedro) e entre as colaboracións atopamos músicos de Drexler ou Vetusta Morla, ademais de contar con 3 textos que lles regala Luis Domenerq (La Shica, El Combo Linga): unha “Loa malparida” adicada a Madrid, “Fabula campera” e “Al hoyo”. Mención especial merecen tamén “Mi poesía” ou o punto máis flamenco de “A punta de navaja”. Se gostas de Calexico ou Depedro, aquí tes unha novidade coa que acompañalos no teu reprodutor. Ademais, o bonito deseño gráfico do emeritense Mikelo reforza o envoltorio.

Pepe Cunha, 3-decembro-2012

Esta semana visitan Galiza nuns directos nos que se acompañan ao contrabaixo por David González Cambray

mércores 5 de decembro: Vigo La Fábrica de Chocolate, 21:30h, 7€
xoves 6 A Coruña, Pub Garufa , 23hrs, 7€
venres 7 A Coruña, FNAC Showcase, 19 hrs

Facebook