olga román “seguir caminado”

Abril 13, 2011

A principal carta de presentación desta vocalista adoita ir asociada aos nomes de Aute e Sabina por telos acompañados en discos e xiras. Mais xa vai sendo hora de que con este terceiro disco falemos dunha carreira de seu. Tras “Vueltas y vueltas” (’01) e “Olga Román 2” (’05), o seu estilo elegante con influencias latinas e jazzísticas está ben madurado; tanto que debería ser máis recoñecida alén dos seus compañeiros de profesión, que volvén acompañala nalgunhas cancións. Se no anterior álbum eran Jorge Drexler e Carmen París, agora son Joaquín Sabina en “Margarita” e Pablo Milanés en “Cada vez que te vas”. Ademais sempre sabe rodearse de notables músicos cos que preparar as cancións e as gravacións. Aí están coma mostras as guitarras de Dan Rochils en “Que sí, que no” ou “Desde entonces”, o piano de Luis Fernández en “Un par de cosas que hacer” e “Canción para Lucas” ou o clarinete de Andreas Prittwitz e os ventos en “No me digas cómo”. Agás as versións de “Rabo de nube” e “Jim” que pechan o álbum, e unha “Wake Up” composta totalmente por ela, Olga pon música ás letras de Juan Uría, que adoitan ser sobre sentimentos de parella, amizade, emocións, ausencias, soños ou conflictos cotiás. Porén, nun disco xeneroso en cancións (14!), hai tamén lugar para historias de experiencias vitais como a da mencionada “Margarita” ou “Eh! morena”, ambas de corte tropical. A diferencia dos predecesores, este disco foi rexistrado ao vivo e conta con máis coros e arranxos de vento coa intención de que o conxunto non se espese e perda frescura. O problema será chegar ao público, pois o seu é principalmente adulto e os medios de comunicación están ocupados noutros produtos de consumo máis rápido.
Pepe Cunha 13-abril-11.

AXENDA