A diferenza doutras bandas con pasado máis ou menos glorioso ou extenso, os Ocean Colour Scene nin deixaron a súa carreira nin viven de rendas. Os notabilísimos e recordados “Moseley Shoals” e “Marchin” Already” datan do segundo lustro dos 90, pero os de Birmingham seguen a editar álbumes con regularidade e neles atopamos varias cancións que polo seu ben facturado carácter atemporal ou clásico non desmerecen nunha listaxe xunto as daqueles álbumes. Se a isto lle sumamos unha Sala Capitol chea, poderiamos pensar nunha noite memorable, pero desafortunadamente quedou en correcta tirando a sosa. Demostrouse unha vez máis que os bos ingredientes necesitan tamén de actitude e boa man á hora de ir distribuíndo o material compostivo durante o concerto.
Na banda seguen tres membros da formación orixinal: o magnífico guitarrista Steve Cradock, o batería Oscar Harrison e o vocalista Simon Fowler na acústica, acompañándose dun baixista e un teclista e segunda guitarra. Sobre o outro personaxe no escenario non temos datos máis aló da súa carismática figura e algúns acompañamentos nas maracas. O que parecía unha formación sólida non semellaba rodada, cómoda ou relaxada co son, intercambiando discretas olladas e acenos entre músicos e técnicos. Se cadra isto tivo que ver con que na suposta hora dos “teloneiros” (que ao final non houbo) os técnicos aínda seguían a ultimar o son. ( Que horrible son as probas, por moi discretas que sexan, co público diante!). Como é lóxico, o son foi mellorando ao tempo que o concerto avanzaba e chegaban as canción máis recoñecibles, rachando xa esa sensación de frialdade.
Aínda que o público estaba predisposto e agradecido, non se acadou ese clímax esperado agás en contadas ocasións: a irresistible “The Riverboat Song”, a poderosa “100 Mile High City”, o coreable himno “Profit in Peace”, “This Day Should Last Forever”… Do novo “Painting” soaron até cinco pezas, algunhas tan efectivas como “Goodbye Old Town” ou “Doodle Book”, e entre o repaso á súa discografía predominaron as visitas a “Moseley Shoals” e “One from the Modern”, alternando medios tempos, baladas ou pezas contundentes con máis cambios bruscos que liñas ascendentes ou descendentes.
As boas cancions non sempre chegan e unha banda tan solvente en repertorio e experiencia non vai defraudar aos seus fans, pero cómpre esixirlles máis, ese algo máis que non ofreceron na Capitol.
Pepe Cunha, 22-abril-2013
setlist:
Painting
The Circle
So Low
Second Hand Car
Weekend
Give Me a Letter
Doodle Book
Emily Chambers
Jane She Got Excavated
The Riverboat Song
Profit In Peace
Goodbye Old Town
We Made It More
God Made Everyone
This Day Should Last Forever
One For The Road
Travellers”Tune
bises:
Robin Hood
It”s My Shadow
The Day We Caught The Train