Nota:
O festival, que se celebrará os días 1, 2 e 3 de outubro, contará coa presencia de lendas da música negra como Roy Ellis, Tail Dragger, Shanna Waterstown ou J.P. Bimeni & The Black Belts
Entre os artistas galegos figuran nomes como Adrián Costa, Espiño, Mallou ou Blues do País. Haberá ademais unha homenaxe a Narf
As entradas poden mercarse a través de www.enterticket.es . Os organizadores estudan a posibilidade de que o público poida estar de pé
“Este ano contamos cun cartel fiel á nosa filosofía de tratar de ser a gran cita en Galicia da música afroamericana”, explicou Gumer Meijón durante a presentación oficial do Vilablues Fest 2021, que tivo lugar en Noia.
Para iso, engadiu o responsable do festival, “contamos con lendas da música jamaicana, como Roy Ellis, e do blues de Chigago, como Tail Dragger; con figuras que se están situando na primeira liña do soul a nivel mundial, como Shanna Waterstown e, por suposto, co mellorciño do que se está a facer no blues e no soul en Galicia”.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, agradeceu aos organizadores do Vilablues “o esforzo que están a realizar para seguir dando impulso a proxectos culturais”. E reafirmou o compromiso da Xunta co desenvolvemento deste tipo de iniciativas. “Temos apoiado máis de 3.000 este verán”, sinalou
Jacobo Sutil lembrou que un festival como o Vilablues non só serve para dar traballo aos promotoresa, que tan mal o están a pasar nestes tempos, senón que “detrás hai moitos outros sectores que se benefician: os propios músicos, os técnicos, o persoal de comunicación, seguridad…”.
Nun sentido semellante manifestouse tamén o concelleiro de Cultura de Noia, José Perez, quen indicou que “para Noia é unha honra tes este festival” e expresou a súa confianza en que “a xente vexa a repercusión económica que un evento así deixa no noso municipio”.
PENDENTES DE SANIDADE
As entradas do Vilablues Fest están xa a venda a través de www.enterticket.es. Polo de agora a organización mantén o sistema de parcelas e palcos para 2, 4 ou 8 persoas sentadas, pero dados os cambios introducidos na normativa que regula este tipo de actividades en Galicia, contémplase a posibilidade de que, polo menos unha parte do público, poida estar de pé.
Neste sentido, os responsables do Vilablues están pendentes da resolución que lles poidan trasladar dende Sanidade. No caso de que o cambio ao formato de pé sexa posible, o festival anunciará a modificación a través das súas redes sociais.
CARTEL DE LUXO
O Vilablues 2021 contará coa presenza de grandes lendas da música negra.
É o caso, por exemplo, de Roy Ellis (Mr Symparip), que en Noia se presentará acompañado por The Sound Doctors, unha banda formada por 7 grandes músicos. Ellis é un dos nomes míticos da historia da música xamaicana. A súa importancia no xénero ten o seu punto de partida na publicación do disco ‘Skinhead Moonstomp’, no ano 1969, do que vendeu máis de 7 millóns de copias. Roy Ellis chega ao Vilablues no marco da súa xira presenta ‘Almighty Ska’, desbordante de ritmos reggae, rocksteady, soul e ska.
Outro dos grandes nomes que pasarán por Noia é do estadounidense Tail Dragger, un verdadeiro bluesman, posuidor dunha das máis auténticas e destacadas voces do blues de Chicago.
Outra das presenzas moi destacables nesta edición do festival é a de Shanna Waterstown, “o tesouro mellor escondido da escena do blues parisina”. Shanna naceu no profundo sur dos Estado Unidos e leva o góspel, o blues e a Motown no sangue.
Se cadra non tan coñecido pero con todos os boletos para se converter nunha das grandes revelación deste festival, está J.P. Bimeni, un músico orixinario de Burundi ao que os medios internacionais sitúan entre o mellor do blues mundial do século XXI. J.P. Bimeni actuará en Noia acompañado por The Black Belts, unha banda de 6 reputados músicos da escena blues madrileña.
A participación internacional do Vilablues complétase con Shirley Davis, considerada a nova diva europea do soul europea, e que actuará acompañada por The Silverblacks, e con El Combo Batanga, conformado por unha serie de músicos cunha vocación case innata cara a música de tradición cubana e o soul latino
PRESENZA GALEGA
Como non podía ser doutro xeito, o Vilablues 21 tamén contará cunha nutrida representación de músicos galegos. Encabezada por un “vello coñecido da casa”, como é Adrián Costa, quen nesta ocasión se presentará cun concerto moi especial en solitario.
Por Noia tamén pasarán Espiño, Blues do País, Mallou (o novo proxecto de Sabela Rey e Benxamín Vázquez) e Jay Doe & The Blues Preachers (que non é senón o alter ego máis bluseiro do guitarrista Javier Casal).
Baixo o título ‘Sempre Narf’ o Vilablues tamén renderá unha homenaxe ao lembrado músico compostelán no que participarán varios dos artistas presentes no festival así como outra serie de convidados.
O programa do festival tamén acolle diversas actividades dirixidas ao público familiar e unha sesión de xenuina música negra dende La Duendeneta a cardo do xornalista e crítico musical Carlos Crespo e K Dj.
O escenario Fest Galicia, que será o que acolla a maioría dos concertos do Vilablues, estará ubicado no paseo marítimo noiés. A maiores, tamén haberá actuacións na praza do Curro e no Liceo.