Transilvanians “The Kings of Catacomb Reggay”
Tras os cambios na súa formación, uns Transilvanians máis maduros, experimentais e con novo cantante (Javier Marcos), editan un EP de 4 cancións. “The Crypt” é outra mostra do seu reggae catacumbeiro, escuro, órganos psicodélicos e “Lobishome” (aka Licantro-Conga) un reggae máis funky e bailábel. “Charlton Heston En Doñana” amosa un ar western inspirado polo polémico actor paseando por un lugar ecolóxico protexido. Non falta versión, neste caso ben facturada, malia un inglés mellorábel, dun dos grandes éxitos de The Melodians, “Sweet Sensation”. A arte gráfica desta edición limitada a 500 copias volve correr a cargo de Roberto Argüelles.
The Beatdown “Let”s Go”
O seu son cualifícase coma Northern Reggae, rocksteady áspero, con cadencias soul, chiscos ao surf e certa actitude punk rock. Veñen de Montreal e aínda que só levan 4 anos de traxectoria xa acumulan centos de concertos polo mundo adiante. Este sinxelo “Let’s Go!” contén gravacións extraídas das sesiones do seu segundo álbum “Walkin” Proud” (2012), rexistradas ao vivo para amosar esa súa enerxía crúa do directo.
Smooth Beans “Sing, Flip & Twist”
“Sing, Flip & Twist” e “Don”t Let It Go” son as dúas pezas contidas nun single que celebra o 5º aniversario na estrada desta banda cántabra que completou xiras pola Península, festivais, tres discos e un par de premios.
King Hammond With The Sound Syndicate
King Hammond é o alcume do músico, cantante e compositor Nick Welsh, ex-membro de Bad Manners, Selecter ou Skaville UK e músico de Dave Barker ou Laurel Aitken. Tras unha carreira dilatada desde finais dos 80, en 2003 NIck gañou o premio Grammy na categoría de “Mellor Album de Reggae” por “Jamaican ET” de Lee Perry. Nick compuxo as cancións do disco e tocou o baixo.
Neste single co selo Liquidator segue acompañado por The Sound Syndicate, a banda que o acompañou nos festivais 2 Tone Weekend e Rototom Susplash. O sete polgadas ofrece dúas novas cancións en edición limitada a 500 copias. “Skaville Olé” é unha versión do seu éxito cos míticos Bad Manners “Skaville UK”. A cara B “Gimmie Some Soul” é unha nova composición en clave rocksteady-soul acorde coa bagaxe impresionante deste músico e a solvencia da banda que arestora o acompaña.