Hai artistas que si reflicten na súa actitude o que valoran e aprenden dos seus referentes. Quique González gosta de Petty, Dylan, Van Morrison, Jeff Buckley, Neil Young … e aprecia neles o risco, a paixón, o coidar o son e/ou a engranaxe ao vivo dunha banda de rock and roll. Para gravar e saír de xira prepara as súas cancións cos músicos na procura da química e unhas ropaxes sonoras ben acaídas. Non se trata de tirar dos éxitos que boa parte dos seus fans queren cantar, senón que cómpre procurar que no escenario se desfrute porque iso chegará ao público, ao reincidente e ao neófito. E o concerto no Auditorio de Ferrol foi testemuño dun obxectivo conseguido.
Tanto lle importa a banda que ten por costume nomeala en cada xira: “Los Conserjes de Noche”, “Los Taxi Drivers”, “la Aristrocacia del Barrio”… e agora estes “Los Detectives” que gravaron o seu décimo álbum e que case na súa totalidade saíron ao escenario de Ferrol Algúns xa os vimos noutras xiras do noso protagonista como Edu Ortega (cordas varias), Edu Olmedo (batería), Alejandro Climent “Boli” (baixo), Pepo López (guitarra)… e desta vez estreándose Nina (coros e voz solista) e David Schulthess (piano e órgano), todos con bagaxe en bandas e xiras de Chivo Chivato, Señor Mostaza, M-Clan, Dummie, Aurora and the Betrayers, Enrique Urquijo y los Problemas, Morgan … E por se non chegase coidar tan ben a selección de músicos, estes apareceron tras soar o característico teléfono do despacho dun detective, nunha escenografía ad hoc, cunha iluminación e atrezzo inspiradas en películas e series clásicas do xénero.
A cousa prometía e máis cando anunciaron repasar as dúas caras do seu último disco, un dos mellores da súa carreira. Así caeron ”Detectives”, “Se estrechan en el corazón”, “Sangre en el marcador”, “Charo” (primeira gran ovación) e “Cerdeña”. Tras esa viaxe por variantes dun rock máis country, folk ou pop, chegou un bloco eléctrico de “personajes conflictivos” recuperados de discos antigos: “Kid Chocolate”, “Caminos estrechos”, ”Tenía que decírtelo” ou “¿Dónde está el dinero?”. Ten repertorio abondo e na elección das cancións semella primar a adecuación a estes músicos e as ganas de divertirse e xgar a darlles unha nova lectura. Ao igual que faría nun terceiro bloco adicado a ese álbum tan importante na súa traxectoria e que cumpriu 15 anos: “Salitre 48”. Del rescataron “Tarde de perros”, “La ciudad del viento”, “Salitre” (outro dos momentos de matrícula nunha velada sobresaínte) celebrados, e versións acústicas de dúas baladas como “Bajo la lluvia”, a dúo co violín de Ortega, e a voz protagonista de Nina nunha interpretación sentidísima de “De haberlo sabido”. Realmente emocionante. A continuación, amainando só un chisco a sensibilidade, “Polvo en el aire” con David nas teclas.
Tocaba a segunda cara do último disco ante un público que seguía a gozar respectuoso e que nin pensaba nas que non soaran. Non facía falta. Que toquen o que lles pete con tal de que estean a gusto e nolo contaxien, como ten que ser. A proba é como nos sobreecolleu unha canción tan personal como “La casa de mis padres”. Tras ela, repaso nos bises a diferentes clásicos propios como “Daiquiri blues”, “Los conserjes de noche” (celebradísima polos máis fieis e que me sonou oma nunca), “Su día libre”, “Avería y redención”, “Clase media”, “Kamikazes enamorados” e a acaída rancheira para rematar a faena: “Dallas-Memphis”. Ao longo das dúas horas, detallazos de todos os músicos, fora o violín de Ortega, o órgano de Schulthess, os solos de López, unha base rítmica brillante, a forza de tres guitarras eléctricas … e un feixe de emocións transmitidas por unhas cancións escritas para seren interpretadas con intensidade roqueira, sensibilidade, entrega e paixón.
Non lembro a última vez que vin un artista tan seguro dun disco como para repasalo enteiro e pedir con tanta credibilidade “un aplauso para estos tíos que me hacen gozar cada noche”. Un concerto para enmarcar e un artista coma poucos no panorama estatal, que o traballou en tempos duros e leva xa algúns anos obtendo unha recompensa merecida. Os sorrisos e os aplausos que se entrecruzaban no Auditorio de Ferrol dicíano todo.
Pepe Cunha, 27-xuño-2016