O SonRías Baixas 2022 presenta os seus concertos por días e incorpora a 12 novas bandas como La M.O.D.A., Rels B, Sofía Gabanna, Ciudad Jara, Eskorzo ou Bala

Marzo 17, 2022

nota:

O SonRías Baixas 2022 ultima o regreso do festival en gran formato para este verán. A cita musical por excelencia da península do Morrazo presenta este xoves novas incorporacións ao seu cartel. Unha ducia de bandas súmanse a un line up que encherá de enerxía as noites de agosto de Bueu. Nomes como La M.O.D.A., Rels B, Eskorzo, Sofía Gabanna, Ciudad Jara, Sara Hebe, Bala, Suu, JazzWoman, Emlan, Maurino e Cool Nenas únense ás bandas xa confirmadas con anterioridade, como son Kase.O, Tanxugueiras, Rayden, Buhos, Arnau Griso, García Mc & Nación Quilombo e Balkan Paradise Orchestra.

O festival de gran formato regresará do 4 ao 6 de agosto con tres xornadas de concertos nas Rías Baixas, zona de acampada a 150 metros da praia e cun cartel con propostas variadas e para todos os públicos conformado por un feixe de artistas consagrados ou noveles, de diferentes estilos e con propostas singulares e que transitan entre o rap, as músicas de raíz, o pop, a mestizaxe, o rock, ou o stoner. Bandas como Tanxugueiras, La M.O.D.A., Bala ou Ciudad Jara presentarán sobre o escenario de Bueu os seus traballos discográficos máis recentes, nun festival no que, ademais, o dúo Arnau Griso se despedirá do público galego, e no que Eskorzo ou Rayden continuarán celebrando os seu 25º e 20º aniversario sobre os escenarios, respectivamente.

Concertos por días

Os concertos do SonRías Baixas arrancarán o xoves 4 nunha xornada protagonizada polos ritmos urbanos e pola aposta por artistas novos con carreiras emerxentes. As persoas asistentes poderán gozar do magnetismo único e pop urbano de Rels B, que conta con decenas de millóns de seguidores en todo o mundo; do inconfundible son da promesa do rap arxentino Sofía Gabanna; da rapeira valenciana JazzWoman, sempre disposta a abordar nas súas letras temas como a denuncia social ou o empoderamento feminino; do “future latin” de Maurino; e da enerxía de Cool Nenas, sempre preparadas para ofrecer a festa perfecta.

O venres 5 o SonRías Baixas continuará co seu habitual espírito festivo, cheo de potencia e enerxía coas actuacións de Kase.O, que volve a Bueu na súa xira do 10º aniversario del “Jazz Magnetism” despois de esgotar as entradas o ano pasado; Rayden, coñecido pola súa lírica e habilidade para fusionar xéneros musicais sempre definido polo seu xénero de orixe: o rap; Ciudad Jara, que presentará o seu novo disco “Cinema”, nun potente e ecléctico directo; Buhos, o grupo festivo de referencia en Cataluña e no Estado na actualidade; Bala, auténticas referentes da escena do rock/metal alternativo; Emlan, co seu novo e sorprendente show de rock, pop e espectáculo; e García Mc & Nación Quilombo, que nos proporá unha estimulante viaxe polas dez illas do seu “Arquipélago Quilombo”.

O festival pechará esta edición sábado 6 de agosto coas actuacións de Tanxugueiras, o trío de pandeireteiras que está a converterse auténtica revolución para a música tradicional galega; La M.O.D.A., unha das bandas co directo máis potente do momento, presentando o seu “Nuevo Cancionero Burgalés”; Arnau Griso, no que será o seu concerto de despedida ante o público galego; Ezkorzo, unha auténtica bomba enerxizante deseñada para que o público non poida parar nin un segundo; Sara Hebe, sempre imparable e versátil, presentando novo traballo no que será o seu único concerto en Galicia este verán; os ventos e percusións das Balkan Paradise Orchestra; e Suu, que sempre acompañada polo seu ukelele é xa unha das músicas catalanas máis seguidas e escoitadas na actualidade.

Abonos e entradas de día á venda

Este venres, 18 de marzo, a partir das 12.00 horas, sairán á venda a través da web oficial do festival, www.sonriasbaixas.info, as entradas de día de SonRías Baixas. O público poderá adquirir os seus tickets para cada xornada (xoves 4, venres 5 ou sábado 6 de agosto) desde 30 euros (máis gastos de xestión) a través deste espazo web.

A cantidade de entradas de día -que non inclúen acceso á zona de acampada- será limitada, mais na páxina SonRías o público poderá obter o abono de 3 días, unha posibilidade que permite ás e aos asistentes gozar das tres xornadas do festival e acceder á zona de acampada. As persoas interesadas nesta modalidade de entrada aínda poden conseguir en www.sonriasbaixas.info os últimos abonos a prezo reducido por 45 euros (máis gastos de xestión).

Ademais, á hora de mercar as súas entradas, o público terá a opción de solicitar a promoción precarga da súa pulseira cashless. A escolla desta proposta implicará, automaticamente, unha recarga de balde do saldo (dun 10% sobre o prezo da entrada) na súa pulseira, que será o sistema único de pago no interior do recinto.

SonRías Baixas 2022

SonRías Baixas, organizado pola promotora PlayPlan, é un dos grandes eventos de música ao vivo no verán en Galicia. Neste 2022 o Festival SonRías Baixas recupera o seu gran formato para presentar unha ampla, festiva, dinámica e potente programación que terá lugar a primeira fin de semana de agosto, concretamente os días 4, 5 e 6 en Bueu (Península do Morrazo).

A proxección de SonRías Baixas non coñece fronteiras e este ano o evento é finalista en tres categorías da sexta edición dos Iberian Festival Awards, os galardóns que recoñecen cada ano aos mellores festivais de España e Portugal. No caso do SonRías, conta con tres candidaturas finalistas: Best Communication & Marketing Strategy, Best Hosting and Reception e Best Use of Technology: Enterticket | Idasfest. Os premios daranse a coñecer o vindeiro 26 de marzo nunha gala que se celebrará en Lisboa.

AXENDA