o sonoro maxín “setedezasete”

Xuño 01, 2017

Cinco anos despois e reducida a quinteto, a banda ourensá O Sonoro Maxín entrega a continuación de “A onda sonora (chega do interior)”. Once temas novos asinados polo Ico, unha recreación do popular ”San Benitiño” e unha produción notábel. O músico e produtor catalán Marià Roch consegue ese chanzo arriba na calidade e a concreción da súa proposta musical. Acorde á súa autodefinición (“O único grupo galego que centra o seu repertorio nos ritmos latinos de verbena, acuñando e empregando nos seus concertos o termo “Galicia Tropical”), aquí seguimos atopando ritmos populares latinos e até mediterráneos e norteamericanos. Todos para entonar mensaxes da xente do común.

Esa cumbia tan asociada á banda sobrevoa desde o inicio (“Dou mil voltas”) até o final (“San Benitiño”), pero aquí hai merengue, reggae, ska, ritmos morunos, rancheira, rumba … o que preste para nos incitar ao baile e falarmos de amor, de conciencia social, de natureza, de gozar con optimismo das pequenas grandes cousas da vida. Non se pode negar que a banda é alumna ben aplicada da mellor escola dos Dusminguet e, por extensión, LaTroba Kung-Fu. De feito, o mesmo Joan Garriga colabora no disco con teclados.

O acordeón ten moita presenza, mais a sección rítmica está sempre no seu sitio e a guitarra ruxe cando ten que facelo, como en “Máquina a vapor”. Algunhas veces o discurso tórnase máis serio: “Así se constrúe unha bomba”, single de adianto e “ghit” en potencia, ou a homenaxe a Eduardo Galeano “Patas arriba”. Pero é máis frecuente o lúdico ou relaxado: “Que ben che senta o bigote”, “Festa da primavera” ou “Onde o Miño vai”. Porén, o importante é a sensación de que desta vez logran completar cancións ben feitas e das que quedan, ben acaídas para o directo e tamén para degustar máis devagar e mesmo emocionarse: “Outeiro de Montelegre”

Por todo o dito, “Setedezasete” é unha ducia de razóns para levalos as palcos, polos meneos e os sorrisos que provocan.

Pepe Cunha, 1-xuño-2017

AXENDA

Facebook