O Son do Río “De raíz”

Marzo 16, 2020

Se pensamos en cantidade e calidade de informantes da nosa tradición, a zona de Mondariz é referente. Ten sona de gran autenticidade e podemos atopar abondas recollas arranxadas no repertorio de artistas coñecidas. Por alí, hai uns dez anos que un grupo de xente se xuntou para formar un grupo de música tradicional galega que presenta agora o seu primeiro disco de estudio. “O nome da formación ten que ver co murmurio do río Machado que transcorre a carón da casa parroquial de Frades (Mondariz). O rubor do río mesturábase coas notas musicais e o son das gaitas e percusións.”

Liderada pola mestra e multiinstrumentista María Xosé López e co agarimo de manter un patrimonio familiar, esta formación de catorce persoas arranxa composicións das súas integrantes e de persoas ás veces tan próximas coma fillas ou netas das recolledoras. A excepción é que tamén se atreven a interpretar a mítica “Lela” coa Banda de Música de Mondariz. Desde “A Festa do Lugar” até a cantiga de escarnio e retranca “Que molle o cu” vaise cantando a momentos da vida cotiá e costumes que teñen que ver coa alegría, o baile, encontros no muíño, arrolos, e algún ca outro intre de reflexión …

A ritmo de rumba, muiñeira, valse ou arrolo, “De raíz” presenta catorce pezas que declaran amor pola terra, as tradicións e as devanceiras. O Son do Río, con canción homónima incluída, debía deixar testemuña gravada do seu labor e este disco rezuma unha naturalidade e un respecto que quedan reflectidos nunha gravación de estudio precisa, das que conservan a verdade do son ao vivo, das voces e os instrumentos de sempre. E que non falte mencionarmos o deseño e a maquetación de Marta Villar, elegante e que inclúe fotos antigas canda os textos.

Pepe Cunha, 16-marzo-2020

AXENDA

Facebook