O sector musical será feminista ou non será. Durante dous días a cidade da Coruña acollerá unha xornada sobre a situación actual na industria musical

Decembro 04, 2018

nota:

A asociación MIM (Asociación Mujeres de Industria de la Música) organiza unhas xornadas de balde no Centro Cívico Cidade Vella os vindeiros 17 e 18 de decembro co apoio do Concello da Coruña. O obxectivo da mesma é crear un debate aberto e notorio sobre feminismo e industria musical, así como planear estratexias de traballo efectivas para reverter a actual situación de desigualdade, desde o ángulo da profesionalización e a equiparación das condicións nos distintos xéneros.

Na xornada participarán representantes das diversas asociacións feministas do territorio así como importantes referentes profesionais do sector que achegarán a perspectiva actual e retos cara ó futuro dunha industria igualitaria. Unha coidada selección de relatores e moderadores que simbolizan o espírito de cambio efectivo das xornadas e que darán voz a excelentes profesionais do sector que amosan que é posible traballar en chave de cambio.

Trataranse diferentes eidos dentro do sector percorrendo desde a situación actual do sector na Coruña, a visión das diversas administracións públicas, o uso do corpo da muller na música, ou a necesidade de cotas na programación. Uns debates que perseguen ir máis alá dos clásicos discursos das mesas redondas, e que pretenden poñer o foco na creación de solucións aos distintos problemas aos que se enfrontan profesionais, empresas e institucións, á hora de traballar pola igualdade efectiva.

Presentaranse iniciativas lideradas por outras asociacións ou entidades de ámbito estatal e internacional que xa están traballando no eido da perspectiva de xénero, e que ofrecen oportunidades de diversa índole ás profesionais do sector. Así mesmo contarase coa presenza de diversos colectivos galegos que están aportando métodos de cambio baseados na perspectiva de xénero para reverter na situación de desequilibrio actual, como Mulleres Galegas Kañeras, Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e Músicas ao Vivo. Estas xornadas, queren facer fincapé sobre todo na escena musical galega que, coa súa riqueza e extensión, pode chegar a converterse nun modelo de igualdade e profesionalización para o resto do estado, comezando aquí o cambio cara un novo modelo da industria musical.

A asociación MIM créase no 2016 co obxectivo de dar visibilidade a todas as mulleres da industria musical. En dous anos de existencia a asociación pasou de 30 a máis de 300 asociadas e asociados en todo o territorio español, contribuíu a introducir mulleres en paneis, xurados, mesas de debate, profesorados, e tamén nalgúns escenarios. Xerou unha web de libre consulta que da visibilidade a artistas e profesionais do sector, e seguirá traballando para que a igualdade de condicións e representación entre mulleres e homes do sector, sexa efectiva, e para que todas e todos sexamos conscientes, que coa igualdade no terreo profesional, e a igualdade no plano persoal, a sociedade só pode mellorar.

AXENDA

Facebook