o Revenidas fecha o seu cartel coas incorporacións de La Élite, La Fúmiga, Sanguijuelas del Guadiana, Terrae e Filloas

Xuño 12, 2025

nota:

O Revenidas 2025 pecha o seu cartel con novas e destacadas incorporacións. Entre elas aparecen figuras internacionais como os italianos Talco, un dos nomes imprescindibles e máis influentes da escena dos ska-punk europea, que de novo repiten visita ao festival.

Tamén pasarán polos escenarios do Revenidas algúns dos máis emblemáticos nomes da escena estatal do punk rock, como é o caso de Lendakaris Muertos, outra desas bandas que xa coñece de sobra o camiño ata Vilaxoán e que ofrecerá a alí o derradeiro concerto en Galicia antes do seu parón indefinido. Aos navarros hai que sumar presenzas tan destacadas como a confluencia entre o trío valenciano de rap combativo Sons of Aguirre e banda alacantina de metal Scila, que ofrecerán no Revenidas o seu único concerto en Galicia deste ano. Tamén dende Valencia chegan La Fúmiga, dez músicos que combinan a potencia dos metais con ritmos que van do ska ao pop alternativo, pasando pola música festiva mediterránea. Ao cartel do Revenidas súmase tamén o dúo de synth-punk hedonista e sen prexuízos La Élite; os barceloneses Buhos, que presentarán o seu disco Sempre dempeus, editado este mesmo ano, o dúo tamén barcelonés de electropop Svetlana, o trío navarro-biscaíno de pop electrónico J Martina e unha das grandes revelacións deste 2025, o trío estremeño Sanguijuelas del Guadiana.

Por suposto, o cartel definitivo do Revenidas tiña que dar cabida a algunhas das propostas galegas máis sobresalientes do momento como The Rapants, gañadores do premio MIN ao mellor disco galego do 2024, ou Mondra e Galician Army que chegarán a Vilaxoán con novos discos recentemente publicados. Entre as bandas galegas que se estrean no festival atopamos a Terrae, capaces de fusionar a world music coa electrónica, a Orquestra Bravú Xangai, liderada por Xurxo Souto, a banda de punk rock do Val Miñor Seitura, e unha das figuras emerxentes máis aclamadas pola mocidade, como é Filloas, presentado por Vibra Mahou e tamén con disco por estrear en directo.

A próxima semana o Revenidas anunciará o cartel por días e posteriormente fará o propio co programa das actividades complementarias, como son os concertos a bordo, a gala de circo solidaria e os roteiros por Vilaxoán.

O festival Revenidas conta co apoio de Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas, que conecta a artistas e público en torno á música en vivo.

Revenidas conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco de Concertos do Xacobeo.

ABONOS E ACAMPADA

Os abonos para as tres xornadas do Revenidas 2025 están á venda na páxina web www.revenidas.com a un prezo de 69€ (+gastos de xestión).

As persoas que merquen o abono tamén poderán reservar na web o acceso á acampada por un importe de 10 (A Pelada) ou 15 euros (O Rial), ambas con servizo circular de bus gratuíto.

OS GRUPOS

LENDAKARIS MUERTOS

Mil veces poderán vir e mil veces arrasarán e terán ao público entregado. Tras celebrar en 2024 os seus 20 anos de traxectoria, a banda regresa a Vilaxoán cos seus himnos de punk ortodoxo e vertixinoso para ofrecer o que será o seu derradeiro concerto en Galicia antes do seu anunciado parón indefinido. Deslinguado, provocador e gamberro. Acelerado, irónico e sempre comprometido. Auténticos depositarios do imperecedoiro espírito da vella garda punkarra.

TALCO

Outros que tamén gozan da condición de clásicos no Revenidas e que xa cumpriron as dúas décadas de traxectoria son os italianos Talco, banda de ska-punk coñecida pola súa potente fusión de ritmos enérxicos, letras comprometidas e espírito antifascista. Cunha forte influencia da música balcánica e o punk rock, o seu directo explosivo consolidounos como referentes do xénero en Europa.

THE RAPANTS

O do Revenidas será un dos últimos concertos da xira La Máquina del buen rollo, que elevou á banda de Muros ao punto máis alto da súa carreira. Gañadores do premio MIN ao mellor álbum en galego, precisamente por La Máquina del buen rollo, a adrenalina que The Rapants desprenden durante os seus concertos é, precisamente, unha das grandes bazas e clave do éxito do cuarteto, que nos últimos meses levou a enerxía “rapante” por escenarios de toda a Península Ibérica.

SONS OF AGUIRRE & SCILA

Da fusión do trío valenciano de rap combativo Sons of Aguirre e banda alacantina de metal Scila nace este proxecto, vertebrado pola vontade de denunciar inxustizas sociais, políticas e económicas. Con letras irónicas e críticas afiadas, este explosivo colectivo consolidouse como unha voz incómoda e necesaria na escena alternativa española.

LA FÚMIGA

La Fúmiga é un estado de ánimo. “Ese lugar ao que chegamos cando sentimos felices, radiantes e xubilosos”, explica o grupo valenciano. La Fúmiga converteu a música festiva nun fenómeno social, con electrizantes actuacións en directo que sacudiron o chan en case setenta cidades na súa última xira. Agora chegan a Vilaxoán para presentar Tot està per fer, o disco que publicaron o pasado ano, no que inclúen once temas pensados, xustamente, para o directo.

MONDRA

Co seu recente segundo disco, De ronda, Mondra ven non só de cumprir senón de superar con creces as expectativas que xerou co seu primeiro traballo, Ardén, e a súa primeira xira, que o ten levado a máis de 80 escenarios. Mondra chega ao Revenidas cun espectáculo completamente novo pero no que permanece a súa vontade de convocar ao público a unha celebración festiva, diversa e sen complexos.

BUHOS

Consolidados como o referente festivo, Buhos volven sorprender este 2025 cun novo disco e unha nova xira que fará escala en Vilaxoán. Con máis de 1.400 concertos ás costas e sete discos publicados, o grupo de Calafell continúa facendo crecer o seu público, demostrando concerto tras concerto que son unha garantía de épica, emocións e festa.

ORQUESTRA BRAVÚ XANGAI

Toman prestado o alcume do tren que durante décadas uniu Galicia e Catalunya para simbolizar o encontro musical entre o Atlántico e o Mediterráneo. No comboio viaxan agora -unidos pola música e a amizade- nomes importantes da música galega, membros de históricas formacións como Papaqueixos, Diplomáticos, Brassica Rapa ou A Magnifique Band dos Homes sen Medo. Xuntos conforman unha locomotora musical cunha imbatible vocación festiva.

GALICIAN ARMY

«Electrónica con alma galega». Así se presenta este proxecto formado por Alberto Prado e Sergio Vallejo, dous músicos e produtores que presentan unha proposta que fusiona synths afiados, estética retro e a enerxía do club, creando un son único, bailable e con moita personalidade. A mellor proba é Valuria, o seu segundo disco -o primeiro con composicións propias- que presentarán en Vilaxoán nun vibrante set no que combinan o formato Dj con instrumentos orgánicos tocados en directo.

J MARTINA

As irmás Kattalin e Ane Bárcena xunto con Javier Jorajuria conforman este formación navarra-biscaíña de pop electrónico, no que tamén teñen cabida referencias a outros xéneros autóctonos. A procura de sons contemporáneos e a interdisciplinariedade da arte é evidente dunha proposta na que J Martina válese da música para reflectir sentimentos como melancolía, ira, desesperación, pero tamén esperanza, luz e paixón pola loita.

SANGUIJUELAS DEL GUADIANA

Carlos, Juan en Víctor, tres amigos estremeños, decidiron un bo día darlle forma e nome ás xuntanzas que de mozos facían por diversión e nas que, á súa maneira, interpretaban temas de Extremoduro, Triana, Estopa ou Nirvana. Despois comezaron a compoñer as súas propias cancións e o resultado é Revolá, un disco con cancións autobiográficas que calquera mozo dunha zona rural podería escribir pero coa característica inevitable de estar bañadas pola tradición e valores que emanan dunha zona despoboada e, á súa vez, influenciadas pola globalización, a tecnoloxía e a modernidade.

SVETLANA

Dende Barcelona chega este dúo formado por Júlia Díaz e Roc Bernadí, unha explosión única de electropop con influencias que van dende EDM ao house pasando pola rumba, o dembow ou o reguetón. A súa autenticidade e orixinalidade en directo amplifica aínda máis o atractivo dunha proposta que combina crítica social e humor, posicionándose como un dos proxectos musicais máis atrevidos e refrescantes do panorama.

SEITURA

Fundada no 2017 no Val Miñor, este cuarteto de punk rock ten publicados dous discos -Seitura (2020) e Somos nós (2024)- nos que dan boa conta da potencia e raiba que acompaña a súa música e das súas moitas ganas de festa.

TERRAE

Detrás das dúas máscaras tralas que se agocha o dúo Terra atópanse un experimentado produtor e un renomeado DJ galego, dúas mentes cunha idea moi clara: crear un espectáculo en directo único e divertido no que teñan cabida a percusión, a danza contemporánea e a creación visual, combinado con ritmos electrónicos bailables e con sonoridades tradicionais de todo o planeta. Por iso Terrae é moito máis ca un concerto musical, é unha experiencia sensorial que convida a explorar a música na súa forma máis auténtica.

FILLOAS

O vigués vai ser posiblemente un dos artistas galegos que van marcar o son da súa xeración. O seu novo disco, Súbete ao EVA, é a proba definitiva. Cancións aptas para a pista de baile ou para o torreiro dun festival nas que se mesturan ritmos clásicos e modernos, como o punk, o hiperpop e o trap. As súas letras exploran temas como a xeración actual, a saúde mental, as relacións persoais e, por suposto, a festa.

Facebook