Se non houbese debate sobre o cartel e o resultado dun festival, faltaríanos algo. Ao igual que acontece con toda programación, opinamos ou emitimos xuízos a priori e ás veces con lixeireza excesiva e prexuízos. Que se estes son comerciaisi, que se a esoutros non os coñece ninguén…Unha vez pasada a cita, estes reafírmanse ou mudan segundo a actitude coa que imos. Hai quen van entregad@s a ver só uns nomes e pasan dos demais e, menos, quen aproveitan para escoitar todo o que poden. @s primeiros en gran medida soportan a rendibilidade do festival acudindo en masa polos grupos de moda ou con máis tirón popular. A@s demais compénsanos o PortAmérica porque non hai que elixir entre ver unha banda ou outra e varias non son moi habituais nestes lares.
Desde ambas perspectivas e en liñas xerais, a edición de PortAmérica 2016, reducida a dúas xornadas, pagou ben a pena. Manter un festival deste tamaño (próximo ás 20000 persoas no “prime time” do sábado) é complicado, así que seguen a apostar por nomes moi recoñecibeis. Para adornalo, ofrecen tamén outros menos habituais e as microactuacións de músicos da escea viguesa con Pepe Solla na carpa de “showrocking”. Neste último caso, o factor sorpresa xa se perdeu. No “extramusical”, segue a haber sitio abondo para moverse fóra dos concertos e sófrense colas á entrada, en baños e compra de moeda nos momentos “punta”. A zona de acampada e o servizo de buses reforzado non o probamos.
Pero antes dos concertos cómpre repasar un incidente moi rechamante no escenario grande na noite do venres e que deixa un pouso polo menos incómodo. No festival máis grande de Galiza, Amaral sufriu un corte de son na parte final do concerto e Molotov, a seguinte banda, até tres. Se xa isto de por si amola moito, e máis cando quedamos sen “Voto latino” ou “Puto”, a falla de desculpas ou explicacións irritou a moita xente que chega a pensar mal e recelar de axustes excesivos na infraestructura. Talvez foi o fallo nun xenerador de enerxía, pero mellor non actuar como que non pasou nada e coumicarllo ao público. Pero pasemos a repasar o musical.
As cabezas do programa, ambas aragonesas, convenceron. Amaral, unha vez máis, calaron moitas bocas cunha exhibición de son roqueiro e bailable moi por riba da moda indie. Ademais teñen o gusto (non só orzamento) para amosar unha posta en escea moi elegante. Pareceume o gran concerto deste ano, cunha alternancia fluída, sen altibaixos, cancións do último disco ( Noche de cuchillos”, “Cazador”, “Llévame muy lejos”, “Lo que nos mantiene unidos” … coas máis coñecidas “Revolución”, “El universo sobre mí”, “No sé que hacer con mi vida”, “Salir corriendo”, “Hacia lo salvaje, “Estrella de mar”, “Cómo hablar” ou “Sin ti no soy nada”, coreada polo público cando fallou o son hacia fóra e a banda non o sabía. Pola súa parte, Bunbury está a xirar coa xira “Mutaciones”, na que pinta con outros vernices moitas cancións da súa traxectoria, con bastante presenza de Héroes del Silencio (“Mar adentro”, “El camino del exceso”, “Iberia sumergida”, Avalancha”e un case final con “Maldito duende”), abondos primeiros singles en solitario( “Que tengas suertecita”, “El club de los imposibles”, “Despierta”, “El extranjero” e unha parada no disco con Nacho Vegas: “Puta desagradecida”. A min sobráronme algunhas demasiado obvias e “cravadas”, como “Maldito duende” (subido á valla para ser tocado polo público) ou “Lady Blue” na recta final. Perdóase porque é un festival, non un concerto propio e dunha duración maior.
Dúas bandas da escea “indie” máis masiva ou popular dos últimos anos tamén ocupaban horarios centrais no cartel. Love of Lesbian volvían ao festival, Izal debutaban e ambas convenceron a fans e pouco máis. Servidor queda coa presenza dos barceloneses liderados polo carismático Santi Balmes e facendo sitio ás pezas dun último disco algo máis esixente musicalmente que himnos como “Club de fans de John Boy”, “Si tú me dices Ben, yo te digo Affleck”, “Algunas plantas”… os momentos máis celebrados e coreados. Como estes, pero con só 3 discos e na senda duns Vetusta Morla, Izal tamén traballaron moi ben o éxito apoiados pola Radio 3 que nos tocou estes últimos anos e que tanto condiciona as preferencias dos festivais. Foron a primeira gran concentración do festival e veremos se seguen aí arriba ou quedan nunha moda. O PortAmérica 2016 albergounos no momento máis álxido aínda que a moitos non nos parezan para tanto. Tamén os León Benavente pasaron o momento de consolidación, moi en forma e seguros, con dous álbumes cheos de cancións efectivas, contundentes e cun selo propio (“California”, “Gloria”, “Aún no ha salido el sol”, “Tipo D”, “Ser brigada” … ) pero un esperaba máis. Se cadra perxudicoulles “tocar á hora dos disc-jockeys”, como mencionou Abraham Boba, o vocalista. A ver se revisamos o tema dos horarios, que comezar ás tres da mañá tras tantas horas en pé… E por rematar con outro nome da escena alterntiva estatal, os sevillanos Pony Bravo, que tocaron con demasiada luz, pouco público e pasaron sen pena nin gloria. Esperemos que non sexa unha costa abaixo e teñamos máis hits como “Político neoliberal”, “Noche de setas” ou “Turista ven a Sevilla”
E se falamos de horarios mal acaídos, aquí permítome un tirón de orellas poñendo como exemplo os casos de Furious Monkey House e Myles Sanko. Este talentazo de soul-funky-baladas aproveitou o escaparate dun festival para deixar pegada malia o tocar moi cedo e co sol batendo a base de ben. A resposta do público confirmou que merecía un horario como o da banda de rapaces co profesor mono. Si, teñen o seu mérito e se desenvolven ben no rock alternativo e guitarreiro dos 90, pero privaron dese horario a outras propostas máis interesantes. Outra banda que quedou algo deslucida polo horario pero que nos gustaron foron os mexicanos Sonido Gallo Negro, unha banda de 8 músicos que practican rock instrumental retro e aires latinoamercianos. Desas propostas que encaixan en case calquera programación para dar un aire distinto á tónica xeral.
Mención especial merecen The Undertones, que actuaron entre Bunbury e Love of Lesbian, momento de descanso para moitos miles de persoas. A veterá banda norirlandesa marcouse un concerto de pura entrega, simpatía, enerxía e ese feixe de pilulas pop-punk que nunca fallan: “Teenage Kicks”, “Here Comes the Summer”, “Get Over You”, “Jimmy Jimmy” … E se falamos de concertos divertidos, o dos FM Belfast, pura loucura electrónica contaxiosa, chea de hedonismo e desinhibición. Así pasamos o seu concerto botando cun sorriso na cara. Para terminar de repasar os nomes que vimos, cómpre mencionar que os franceses Talisco estiveron voluntariosos e sonaron ben, cunha proposta de rock indie bailable bastante habitual nestes tempos pero que contribuiu a dotar ao festival da variedade sonora que o caracteriza dentro do pop-rock. Molotov era un dos atractivos do cartel pero cando arrincaban tiveron a primeira perda de son e o concerto xa non foi a máis e quedamos con ganas. A cubanamexicana Leiden non me convenceu e a versión dos Nortec Collective con Bostich e Fussible non enganchou como podiamos prever, se cadra polo cansanzo acumulado ou que non está altura da banda completa en troques do aopio de dous “DJs”
Esperemos que a seguinte edición non volva padecer “fallos técnicos” e a ver qué nomes actúan como reclamo de masas e permiten a viabilidade económica do festival. Non se me ocorren tantos sen caer na repetición dos que están de moda. Para arriscar máis hai outras citas, pero algúns repetiremos o PortAmérica animados por (re)coñecer as “segundas espadas”, descubrir artistas como Sonido Gallo Negro ou Myles Sanko e presenciar concertazos como o de Amaral ou os Undertones. Se sumamos o bo tempo e as praias e a gastronomía, hai razóns para volver.
Pepe Cunha, 20-xullo-2016