“O Partido Popular votou en contra da transparencia nas axudas aos medios de comunicación”, afirman os membros da AMEGA

Febreiro 24, 2015

“O Partido Popular votou en contra da transparéncia nas axudas aos medios de comunicación” afirman os membros da Asociación de Medios en Galego, trala decisión adoptada esta mañá polo Pleno do Parlamento Galego de non tomar en consideración a proposición de Lei de Publicidade Institucional, presentada pola entidade. Nove veces nos últimos seis anos prometeu o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo “a inmediata presentación da Lei de Publicidade Institucional” sen que en ningunha das ocasións cumprira a súa promesa. Esta mañá os populares rexeitaron a posibilidade de debater o asunto na Cámara autonómica.

“Vostede non ten vergonza” espetoulle a deputada do BNG Montse Prado á representante do Partido Popular Paula Prado, despois de que ésta afirmara que “ainda estamos no ecuador da lexislatura”. A parlamentaria popular indicou que a Lei presentada esta mañá “non vale nin para enmendar” e afirmou que se trata dunha mera copia da lei estatal (29/2005 de 29 de decembro) para máis adiante sinalar que outros artigos eran iguais que o proxecto de lei presentado no seu día polo goberno bipartito.

“O PP predica moito de transparencia pero logo ven aquí e se opon a debater as axudas a medios de comunicación” salientou a deputada nacionalista, para logo concluir que “vostedes non queren regular este tema porque están cómodos na opacidade”. O BNG presentou a proposición de lei, atendendo ao texto que a Asociación de Medios en Galego lle fixo chegar á totalidade dos grupos parlamentarios.

Xavier Ron (Alternativa Galega de Esquerdas) tamén respaldou a toma en consideración do texto, cifrando en “10 millóns de euros anuais” os cartos que a Xunta de Galicia destina aos medios de comunicación. “Hai que regular este tema para romper e vencer o uso partidista dos recursos públicos, algo que roza a prevaricación” salientou Ron.

Beatriz Sestayo (PSdeG PSOE) apoiou igualmente a iniciativa suliñando que a “política mordaza do PP, nega a moitos sectores sociais o acceso aos medios públicos”. “O goberno popular susténtase na mentira e a democracia está secuestrada” manifestou a parlamentaria ferrolana.
A deputada de Cerna Consuelo Martínez sumouse á toma en consideración da Lei, acusando á Xunta de Galicia de “permitir e incluso provocar o peche de medios de comunicación en galego”.

AXENDA

Facebook