nota:
Museo de Pontevedra será un dos principais escenarios do 15 aniversario do Cantos na Maré que ten lugar esta fin de semana na cidade do Lérez, tal e como se explicou esta mañá na rolda de prensa que tivo lugar no Sexto Edificio. Estiveron presentes Fran Rivera, director de Cantos na Maré; Carme Fouces, concelleira de Cultura, José Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra; Jacobo Sutil, director de AGADIC; e Antón Reixa, artista.
O Museo de Pontevedra acollerá outro ano máis varias actividades de balde para todos os públicos: narración oral con Vero Rilo e Faia Díaz; un concerto familiar con Magín Blanco, que presenta “Camiños”; roteiro pola colección do Museo e concerto posterior ao piano con Brais González; performance “Melancoholemia” de Antón Reixa; e dous filmes do ciclo “Cinemaré”. Ademais tamén haberá un obradoiro de Música na Prehistoria” para nenos e nenas; e Xurxo Souto protagonizará un singular roteiro musical pola cidade. Eis o programa polo miúdo:
Venres 13 setembro
17.00 “Apatacón” con Vero Rilo e Faia Díaz
Compañía de nova creación da man da vocalista Faia Díaz (Coro Encaixe, De Vacas…) e a contadora Vero Rilo (Daboapipa, Rilo&Penadique…), onde se xuntan por gusto e querenza para investigar os límites e puntos de encontro das súas disciplinas de orixe, achegándoas ata diluílas. Vero Rilo é unha das transmisoras de emocións máis importantes do momento, unha narradora cunha forza, técnica e expresividade que a fan única e inesquecible. E Faia Díaz é cantante e creadora en De Vacas, que compaxina con outros proxectos musicais como a súa recente obra en solitario Ao cabo leirín.
18.00 CineMaré: “Ruth” de António Pinhao Botelho
Estrea en Galicia (BSO Portugués)
Ano 2018, 103 min
BSO: Paulo Furtado aka The Legendary Tiger Man
Eusébio Ferreira da Silva, “Eusébio”, é unha das grandes divinidades nacionais en Portugal e foi a máis grande estrela do fútbol portugués de todos os tempos. Nacido nunha familia moi pobre dun barrio de Maputo, en Mozambique, a chegada de Eusébio desde África a Lisboa, convulsiona a un país neste momento abafado polo rexime fascista de Salazar e das revoltas coloniais. “Ruth” é o nome en clave co que en 1960 Eusébio chega a Lisboa para fichar polo Benfica. O xove cineasta portugués António Pinhao Botelho (Lisboa, 1986), debuta na longametraxe escollendo unha historia popular, para realizar, moitas veces en clave de comedia, unha crítica ai rexime de Salazar. No fondo, un filme moito máis político que futboleiro.
Sábado 14 setembro
11.30 “Camiños” con Magín Blanco
“Camiños” é a nova aventura de Magín Blanco, un dos mellores músicos e compositores de Galicia dedicados ao publico infantil e xuvenil. Neste fermoso e completo traballo, Magín xunto ao ilustrador Leandro Lamas, presenta un libro-disco e un espectáculo musical, no que inicia un novo camiño cheo de aventuras e misterios. CAMIÑOS convértese nunha viaxe e un lugar de encontro e descubrimentos para os nenos e as nenas. CAMIÑOS é unha metáfora da vida onde conflúen música, teatro, poesía e contos, para estimular e enriquecer a imaxinación e a creatividade dos/as nenos/as.
16.30 Visita guiada pola Colección do Museo e concerto de Brais González
Visita comentada polo gabinete de didáctica do propio museo visitando as principais pezas da colección. Finalízase co concerto de piano de Brais González baseado en textos de autores portugueses e galegos. Brais González (Vigo, 1987) foi premiado, entre outros, no Concurso Internacional Ciudad de San Sebastián, o Concurso Internacional Cidade de Ferrol, o Concurs Ricard Viñes de Lleida ou o IV Concours International Nikolaï Rubinstein de París. Ten publicados tres discos: “Deyda”, “Eostre”, “Liberaverso”, que afondan na fusión da linguaxe clásica coas músicas improvisadas e de raíz.
18.00 Onde estás Joao Gilberto?, de Georges Gachot
Documentario, 2018 (107 minutos)
Inteveñen: Rachel Balassiano, Joao Donato, Roberto Menescal, Miúcha.
Música: Donato Joao
Falecido en xullo de 2019, Joao Gilberto está considerado o pai da bossa nova e o músico que lanzou ao mundo este xénero musical. Perseguido por lexións de fans de todo o mundo, o seu carácter antisocial e as numerosas lendas e rumores sobre este artista agochado durante anos da escena pública, contribuíron a engrandecer o mito.
O director franco-suízo Georges Gachot, apaixonado da MPB, tomou como punto de partida un libro do xornalista alemán Marc Fisher.
19.15 aRi[t]mar Poesía na Maré
Espectáculo poético-musical en colaboración co festival aRi[t]mar, coa participación de poetas como Rosalía Fernández Rial, Lucía Aldao e Lois Pérez, que nos traerán tres xeitos distintos de se achegaren á poesía.
Domingo 15 de setembro
10.30 Roteiro pola Cidade con Xurxo Souto (saída das Ruínas de Santo Domingo e chegada ao Museo ás 12.00)
Partindo do seu libro sobre o tocador de concertina “Sindo de Olelas”, Xurxo Souto guiará un singular roteiro musical pola cidade. Un roteiro que converxerá nunha encrucillada de acordeóns e nun cruce de sons que nos levará a varios países do mundo. Desde a tradición pontevedresa dos acordeóns de Diosiño ou de Poceiro -que chegou montar en Italia unha fábrica deste instrumento- pasando polas concertinas, sinal de indentidade inconfundible do Portugal Minhoto, sen esquecer os ritmos da sanfona nordestina brasileira.
11.30 Obradoiro infantil de instrumentos antigos
Os máis pequenos realizarán unha zoadeira ou bramadera, axóuxeres ou facer soar elementos naturais que no seu día foron usados para emitir sons. O obradoiro ten como obxectivo que os e as participantes se acheguen á orixe da música experimentando con distintos elementos, e realizando dous instrumentos moi coñecidos no pasado.
12.00 Performance “Melancholemia” de Antón Reixa
Poesía escénica, performace, spoken word, videopoesía, Reixa explora terreos híbridos, no cruzamento entre música, dramaturxia e cinema.