Ruta polos Balcóns ao Atlántico na pasada edición do festival.
nota:
O festival Jazz de Ría suma un feixe de actividades á programación da súa novena edición, que do 15 ao 19 de agosto converterá a costa ártabra nunha cita obrigada para amantes das experiencias musicais en contornas únicas. Unha visita musicada, un vermú swing, un paseo sonoro, un podcast colaborativo e un obradoiro de construción de instrumentos con material de refugallo completan un programa que contará con escenarios en Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño onde o público terá a oportunidade de ver actuar a grandes como Perico Sambeat, Sumrrá, o Coro da Ra ou Xan Campos con Faia Díaz e tamén de adentrarse nas descubertas musicais de Alba Armegou, Diego Alonso 5tet Nihil, Trilitrate ou Copos de Avena.
Visita musicada: Jazz e patrimonio industrial
Despois da apertura do festival que protagonizará o venres Perico Sambeat no Pazo da Cultura de Narón, o sábado 16 o festival comezará cunha proposta singular ás 11:30 h. no Centro de interpretación dos muíños industriais de Xuvia (CIMIX), onde na compañía das guías do centro farase un percorrido pola que foi a fábrica de fariñas máis importante do século XVIII; unha viaxe ao pasado industrial de Narón a través da historia do emprendedor Jean Lestache, figura clave no desenvolvemento da comarca no período da Ilustración. E entre a maquinaria dos muíños o público poderá gozar da música do acordeonista Fran Trashorras e o saxofonista Ismael Cives, que achegarán ao jazz melodías da música popular, nun perfecto diálogo co espazo e a historia. A actividade é gratuíta previa inscrición a través da web do festival jazzderia.gal a partir do 1 de agosto.
Vermú swing: Bailar como nos anos 30
A mediodía, sobre as 13:00 h., na Praza do Concello de Xuvia está organizado un vermú swing a cargo do colectivo vigués Swing On, que naceu hai máis unha década co único obxectivo de celebrar a cultura jazz, creando espazos nos que poder desfrutar do baile e da música desde a inclusividade e a loita contra as desigualdades sociais. Neste vermú swing, faremos unha aula aberta de lindy hop para todos os públicos, para todas as idades, divertida e sinxela para quen xa sabe bailar un chisco e tamén para quen move os pes por primeira vez. Despois, tanto para quen queira seguir bailando como para quen prefira escoitar boa música desde a terraza dalgún dos bares de Xuvia, teremos unha sesión inspirada no que foron as noites do Savoy Ballroom no Harlem dos 30, salpicadas de hot jazz, bebop, hard bop, ou jump blues.
Obradoiro de reciclaxe: Converter botellas de plástico nun xilófono xigante
Pola tarde, no Parque Freixeiro, antes de que comecen os concertos de Alba Armengou Trío, Diego Alonso 5tet_Nihil e Sumrrá & Friends 25º Aniversario, a Escola da Vaca impartirá a partir das 17:00 h. un obradoiro de construción de instrumentos con material de refugallo, que xa é un dos clásicos da tarde do sábado no festival. Esta escola, con base en Ferrol e con máis de 25 anos dedicados á formación musical, comezou hai uns anos a desenvolver estes obradoiros de reciclaxe como xeito de concienciar dun xeito lúdico sobre a cantidade de refugallo que xeramos. Este ano fabricarán un xilófono xigante circular empregando botellas de auga de distintos tamaños. O obradoiro está dirixido a nenas e nenos de 4 a 12 anos. As familias poderán facer a inscrición de balde a través da web do festival jazzderia.gal a partir do 1 de agosto.
Obradoiro de podcast colaborativo con ÁBRETE DE ORELLAS
Tamén en Freixeiro, durante toda a tarde, Pepe Cunha, director de Ábrete de Orellas, guiará esta actividade de participación libre para quen queira experimentar coa comunicación e a crónica musical. Este obradoiro está aberto a todas as persoas con curiosidade por contar e escoitar historias arredor do jazz. Aprenderemos a gravar, a entrevistar e a construír un relato colectivo que recolla a esencia do festival, e que despois se editará como un podcast especial do Jazz de Ría. Ábrete de Orellas foi galardonado en dúas ocasións co Premio Martín Códax da Música a mellor Espazo de Comunicación Musical.
Paseo sonoro: Unha viaxe no tempo ao salón da Ribeira
O domingo 17 ás 11:30 h. en Neda, como preludio ao concerto de Trilitrate, o paseo sonoro guiado polo xornalista musical Fernando Fernández Rego en San Nicolás mergullará ao público naqueles tempos nos que na Ribeira funcionaba un salón de baile. O local pechou a comezos do século XX pero o percorrido musical propón un exercicio de imaxinación: Como sería o baile na Ribeira se o antigo salón continuase aberto ata os anos 70? Seguramente tocarían alí Los Zares, Los Sprinters, Los Players, Los Zafiros e tantas outras formacións que agromaron desde os anos 50 en Ferrolterra. A xente que desexe mergullarse nesta viaxe no tempo só ten que camiñar polo barrio mariñeiro de San Nicolás, escanear os códigos QR e deixarse levar. O paseo sonoro estará dispoñible para escoita libre do 15 ao 31 de agosto. Recoméndase levar auriculares.
Roteiro Balcóns ao Atlántico: A memoria das vellas orquestras de jazz
Despois da xornada do luns que levará a Cedeira o Coro da Ra e a colaboración de Xan Campos e Faia Díaz presentando o traballo ‘Amorodios’, o martes 19, ás 19:00 h., e antes de que Copos de Avena peche o festival na praia do Baleo, está programado outro momento que probablemente quedará fixado na memoria das persoas que teñan a sorte de participar na experiencia: Xurxo Souto será o guía de excepción do roteiro Balcóns ao Atlántico, que levará ao público a pé desde a caseta de socorrismo da Praia de Pantín ata o Baleo, trazando unha ruta sinxela por paisaxes espectaculares na que se combinan tramos de campo con tramos de area. A medio camiño, no Castro do Rodo, xacemento arqueolóxico soterrado de grande valor simbólico e paisaxístico, Xurxo Souto, na súa dobre faceta de músico e contador de historias, volverá sobre a memoria daquelas vellas orquestras de jazz que marcaron o imaxinario musical da comarca. O roteiro non está recomendado para persoas con mobilidade reducida.
O Jazz de Ría está organizado por Luneda Producións e promovido polo Padroado da Cultura do Concello de Narón, o Concello de Neda, o Concello de Cedeira e o Concello de Valdoviño, coa colaboración da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural, e AIE (Artistas en Ruta).
PROGRAMA JAZZ DE RÍA 2025 Un festival aberto, gratuito e accesíbel
VIERNES 15 · NARÓN
Pazo da Cultura 21:30h PERICO SAMBEAT FLAMENCO QUINTET
SÁBADO 16 · NARÓN
Centro de interpretación dos muíños industriais de Xuvia (CIMIX)
11:30h Visita musicada oo CIMIX, con FRAN TRASHORRAS & ISMAEL CIVES
Praza do Concello de Xuvia
13:00h VERMÚ SWING, con SWING ON: clase aberta de lindy hop e sesión de baile con Swing On DJs
Parque Freixeiro
17:00h Taller de construción de instrumentos con material de reciclaxe, coa ESCOLA DA VACA
17:00h Taller de podcast colaborativo con ÁBRETE DE ORELLAS
19:00h ALBA ARMENGOU TRIO
20:30h DIEGO ALONSO 5TET_NIHIL
22:00h SUMRRÁ & FRIENDS_25 ANIVERSARIO
DOMINGO 17 · NEDA
Rúa Castro (San Nicolás) 11:30h BAILE NA RIBEIRA, paseo sonoro guiado con FERNANDO FERNÁNDEZ REGO
Ribeira de San Nicolás 13:00h TRILITRATE
LUNES 18 · CEDEIRA
Parque dos Patos 19:00h CORO DA RÁ
Parque de San Isidro 21:30h XAN CAMPOS_AMORODIOS
MARTES 19 · VALDOVIÑO
Praia de Pantín 19:00h BALCÓNS AO ATLÁNTICO, roteiro a pé con XURXO SOUTO
Praia do Baleo 21:00h COPOS DE AVEA


