nota:
Entre o venres 18 de agosto e o luns 21 o Jazz de Ría programará catro xornadas cargadas de jazz para gozar relaxadamente en catro vilas da costa ártabra: Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño, que este ano se incorpora ao festival. O Jazz de Ría amplía así territorio e público, fiel ao seu obxectivo de achegar a música jazz ás veciñas e veciños con propostas capaces de facer gozar a amantes do xénero e tamén a persoas que se achegan a este tipo de música por primeira vez.
Ademais das coidadas escollas musicais que cada ano integran o programa, o festival prepara para esta edición algunhas sorpresas que unirán o jazz ao patrimonio histórico e medioambiental de Ferroltera, nun cartel que se se coñecerá a comezos de xullo e no que todas as actividades serán abertas, gratuítas e accesíbeis.
Ao longo de seis edicións, o festival logrou unha importante colaboración e un necesario diálogo entre as localidades que o acolleron unidas polo mar, a tradición marítima e industrial, e a paisaxe natural. A participación da veciñanza e a recuperación da memoria son tamén parte da filosofía deste festival que unha vez máis presentará un programa sostible e responsable no que eliminará ao 100% o plástico dun só uso empregando billas de auga da traída para o público e repartindo botellas reutilizables para as equipas artísticas e técnicas. Ademais, empregaranse envases retornables retornables nas barras e reeditarase tamén a Operación Ecovaso para animar público a levar o seu propio ecovaso, reutilizando e dándolle outra vida aos que temos na casa doutros festivais. Para as persoas que non leven o seu ecovaso, haberá nas barras vasos de cartón reciclado e 100% reciclables. Así mesmo, o festival traballa con filosofía kilómetro 0 procurando que todo o que se sirve no catering para artistas sexa de comercio local e distribuído ou/e cociñado por empresas da zona, evitando plásticos e apostando por materiais dun só uso compostables ou de cartón. Para a xestión dos residuos, o festival ten un acordo con Ecoembes, que coloca nos recintos papeleiras de diferentes cores ben indicadas para separar correctamente o lixo.
O Jazz de Ría recibiu en 2021 o Premio Organistrum Extraordinario nos Premios Martín Códax da Música, polas súas boas prácticas de sostibilidade e igualdade, en materia laboral, e na integración no entorno, entre outras motivacións.