O galego alén do folque. Rachando prexuizos na procura da normalidade

Setembro 27, 2011

(colaboración publicada na revista Tempos Novos. Se tedes ocasión, mercade un exemplar, pero agora que xa viu a luz, aquí tedes o texto enviado)

A produción musical galega da última década lévanos a deducir que o movemento bravú e a xeración Xabarín deron os seus froitos facendo medrar o número de propostas que se expresan en galego. Talvez Andrés do Barro, Os Tamara, Os Resentidos, Os Diplomáticos ou Heredeiros da Crus poden ter xa sucesores. Porén, non podemos falar de normalización cando os medios de comunicación tratamos a música na lingua propia do país como algo aínda especial ou minoritario, agás no que se refire á música folque ou tradicional. Sirva este artigo coma unha peneira de nomes e discos que nos últimos anos fixeron méritos para acadar un lugar de seu na nosa música popular.

Sen dúbida, os tempos que vivimos véñen ligados á popularización das novas tecnoloxías e á maior accesibilidade aos sistemas de gravación. Mais un incremento da oferta necesita de máis divulgación que a da Internet, canle que, malia a súa universalidade, queda curta á hora de trascender a un público maioritario. No caso da lingua propia deberiamos contar co apoio incondicional da compañía CRTVG, case anecdótico agás nos 4 anos de “goberno bipartito”, cando en especial a radio si actuou como altofalante das nosas bandas. A revista radiofónica das fins de semana “Extrarradio” e “Aberto por reformas” nos demais días deron protagonismo a unhas cancións que agora amosan a cabeza na infrautilizada Radio Galega Música, en programas como “Planeta Furancho”, “Radio Oceánica” ou “Tres peixes voando”.

Tras o folque, as propostas máis habituadas ao galego son as que teñen que ver coa fusión ou mestizaxe e co compromiso e a reivindicación. Á cabeza situouse o numeroso combo ourensá Lamatumbá que causou gran sensación coa súa presentación oficial “Lume … (para que saia o sol)” (Falcatruada ’05) pola súa notable factura, o espíritu crítico e a presenza de himnos festeiros como “Licor café”. Baixo o alcume de “a verbena do século XXI”, os seus concertos son sinónimo de diversión e baile sen descoidar un chisco a execución. Após unha escisión na banda que daría lugar a O Sonoro Maxín, editaron “Paraugas universal” (PAI Música, 2008) e “A órbita da banda hipnótica” (Autoeditado, 2010), cos que viaxaron pola Península e Europa. No 2010 e na mítica noite do 24 de xullo triunfaron na Praza da Quintana como ningunha banda galega o fixera. Aparte das dúas mencionadas, tamén atopamos outras bandas festeiras e combativas no álbum “120 capadores. Homenaxe aos Diplomáticos”: os xa desaparecidos A matraca perversa e GalegoZ, A compañía do ruído, Banda Potemkin, Os 3 trebóns, Festicultores, Cuchufellos, e dúas veteranas como Ruxe Ruxe e Zënzar que seguen a editar traballos como, respectivamente, “Comercial” (PAI, ’07) ou “Sigue e dálle”(’06) e “A tribu” (’09). Da nova fornada de rock máis duro salientamos o debut de Nao “As palabras espidas” (Kamikaze, 2010); entre os máis achegados ao folk Quempallou e da órbita do ska máis comprometido o “Arredista” (Propaganda-Pel-Fet ’03) de Skarnio. Para finalizar, outros dous notables debuts: a fusión de reggae, rap e funky dese “En terra de ninguén” (Falcatruada, ’09) que Som do Galpom gravaron a raíz de gañaren o concurso Nsaio e o funky-brasileiro “Paraíso distante” (Falcatruada”06) dos Loretta Martin.

Dentro da emerxente escena do rap e hip hop, hai anos que na área de Ordes xurdira un colectivo que ten o seu cumio no proxecto Dios ke te crew. O seu álbum debut “Xénese” (Falcatruada, ’06) superou prexuízos estilísticos a base de textos con moito contido social e unha proposta musical traballada con intelixencia, minuciosidade e bo gusto. Neste verán por fin chegou a continuación da man dunha discográfica estatal especializada: BOA. As novas composicións, a coidadísima gravación e a edición de “Humanose” están a acadar tan bo recoñecemento como a súa presentación ao vivo. Nesta onda, debemos seguir a pegada aos experimentados Safari Orquestra con “Ben deitei” (Ouvirmos, 2010), os ocorrentes Malandrómeda e Fluzo, e o colectivo Licor Kafé con El Puto Coke como produtor principal e voces femininas tan interesantes como Woyza e a novísima Aíd.

No 2006, a Radio Galega e o portal Vieiros apostaron por un concurso da canción galega do verán, un “Apologhit” que motivou a público e bandas. En especial viuse favorecido o amplo espectro do pop-rock que non acababa de dar o paso ao galego, agás excepcións como os composteláns Samesugas que mesturan punk, rock ou garaxe cantando en inglés e galego, no seu “Alá vai! (H-Records, ’07). Os seus amigos de The Homens despuntaron no “Apologhit” pero deseguido convertiríanse xa nunha das nosas bandas punteiras a base de bos concertos e dous completos discos: “Tres” (Falcatruada, ‘07) e “Cuarta potencia” (Lixo urbano, ‘09), este último xa como cuarteto tras reforzaren o seu son desde as teclas. Sen movernos de Compostela atopamos outra das bandas que máis deu que falar nos últimos anos: Ataque Escampe. Retranca e humor a eito, inspiración sonora no sur estadounidense e abondas referencias xeracionais e culturais, foi a súa áceda peza “Galicia es una mierda” a que incomprendidamente chamou máis a atención. Cun son acústico e editando con A Regueifa, os seguintes “A grande evasión” (’09) e o máis soul “Violentos anos dez” (’11) amosan que son das nosas bandas máis persoais a pesar das limitacións instrumentistas.

No que se refire á electrónica de baile máis desenfadada, Projecto Mourente tamén acadou abonda popularidade no “Apologhit” co tema “Como os caranguexos”. Coma el, desde a netlabel A Regueifa editan as súas gravacións Fanny + Alexander, unha proposta máis pop tamén apegada a sons electrónicos. Nunha clara liña ascendente agardamos a continuación daquel “Alfaias” (A Regueifa ’09) no que musicaban poetas galegos recentes. Tamén con pingas de electrónica e “faino-ti-mesmo”, temos unha das sorpresas do pasado ano a nivel estatal, o ex-Apeirón Emilio José co seu dobre “Chorando apréndese” (Foehn Records, ’09). O de Quins espertou fobias e filias a base dunha desconcertante collage musical onde atopamos de bossa nova ao rap, pasando polo lo-fi, pop clásico ou electrónica. A base de retranca, ironía e provocación, nos seus directos tamén pode pasar calquera cousa.

En canto a formacións máis achegadas á música popular e a escola tradicional temos a Marful, con músicos vencellados á Central Folque que con virtuosismo e carisma arredan os prexuízos entre os estilos das vellas orquestras de salón e a actualidade. Non perdan o seu debut homónimo (Producciones Efímeras, 2006) e a continuación “Manual de sedución” (’10). A súa cantante e letrista Ugia Pedreira formou con Guadi Galego e o pianista jazz Abe Rábade o proxecto Nordestin@s para dotar de nova vida melodías e letras populares con sabor a mar. E seguindo cunha rica colleita de vocalistas temos a Guadi Galego asinando a súa primeira colección en solitario, “Benzón” (’09), tras deixar Berrogüetto. Antes disto, xa plasmara en Espido (’05) unha exitosa colaboración co guitarrista da banda Guillermo Fernández, quen repitiría experiencia semellante co substituto da cedeiresa, Xabier Díaz en “Salitre” (Discmedi ’05), seguido por “Coplas para Icía”(’07). Xa fóra deste “triángulo Berrogüetto”, atopamos a Narf (Fran Pérez) guitarrista e vocalista de notable sensibilidade e curtida traxectoria, con “Totem” (Falcatruada ’07) e o proxecto máis world-music Aló Irmao xunto ao guineano Manecas Costa. Entre os máis novos salientamos o pop de autor de Xoan Curiel no seu orixinal debut “Nai”(’08), a calidade interpretativa de Emilio Rúa con “Vida miña” (BOA,’06) e “Interior” (PAI, ’10), o dúo brasilego de Fred Martins + Ugia Pedreira en “Acrobata” (’11), o jazz vocal de Carmen Dor en “Dora Mar 74” (Audiorecords ’06) e o blues de Víctor Aneiros en “Brétemas da memoria” (’10).

Tras esta escolma, a recomendación de mergullar na procura de máis cancioneiro en compilatorios como “Manifesto Dobarrista. Tributo a Andrés do Barro” (A Regueifa-Falcatruada’07), “Voces novas” (Komunikando-Novas da Galiza’09) ou Galician Bizarre e proxectos na Rede: Komunikando.net, A Regueifa, Ábrete de orellas, Ghastas Pista?, Toupa … porque un pobo necesita cantar na súa lingua e non abonda co folque.

Pepe Cunha, responsable de Ábrete de orellas.com

AXENDA

Facebook